A Real Academia Galega de Ciencias premia unha investigación da USC sobre análise de augas residuais
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), concedeulle o seu Premio de Investigación 2012, dotado con 6.000 euros, a un equipo da Universidade de Santiago autor dun método de análise para determinar drogas ilegais e metabolitos (substancias xeradas polo organismo ao procesar estas drogas) en augas residuais e a súa aplicación para estimar o consumo nunha poboación galega. Grazas a eles sábese que as drogas ilegais máis consumidas son o cannabis, a cocaína e o éxtase, esta última cun aumento durante a fin de semana. O grupo do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias -formado por José Benito Quintana, Iria González, Isaac Rodríguez e Rafael Cela- analizou a presenza de anfetaminas, éxtase, cocaína, LSD (ácido), PCP (po de anxo), heroína, metadona e cannabis. As substancias atopadas nunha maior concentración foron o metabolito da cocaína (benzoilecgonina), a propia cocaína e a substancia que o fígado fabrica cando se combina o consumo de cocaína con alcohol (cocaetileno). Séguenlles o metabolito do cannabis (carboxi-THC) e o principal compoñente do éxtase (MDMA), ademais da metadona (usada en terapias de desintoxicación como substitutivo das drogas) e o seu metabolito. A partir das concentracións destas substancias, o caudal diario de auga recibido pola depuradora, a poboación servida por esta e as dinámicas que rexen o procesamento das drogas no corpo humano, os investigadores estimaron os hábitos de consumo de drogas. As mostras foron recollidas en augas residuais de orixe urbana durante dúas semanas, unha de marzo de 2011 e outra de abril de 2012.
Os investigadores galegos, que recollerán o premio o vindeiro 19 de decembro en Santiago, lograron validar a súa metodoloxía mediante o proxecto premiado pola RAGC e de cara ao futuro propóñense incrementar as análises e o ámbito territorial destes para que os resultados sobre hábitos de consumo de drogas ilegais en Galicia sexan máis concluíntes.