A Real Filharmonía de Galicia, coa colaboración da USC, leva por vez primeira a Lugo o seu ciclo de música de cámara
A Real Filharmonía de Galicia, orquestra xestionada polo Consorcio de Santiago, presenta por vez primeira en Lugo un ciclo de música de cámara, grazas á colaboración da Vicerreitoría de Cultura da USC.
O ciclo ‘Formacións de Cámara’ consta de seis concertos, que se desenvolverán no Círculo das Artes un mércores ao mes dende xaneiro a xuño. Todos os recitais serán ás 21:00 horas e con entrada de balde.
Este ciclo permite que a singularidade artística de cada un dos compoñentes da orquestra santiaguesa se plasme en proxectos de cámara para que o público se poida aproximar dun xeito diferente ao bo facer de todos os músicos da Filharmonía. Ademais, os recitais pretenden unir os conceptos de música e patrimonio, levando a música de cámara ao centro histórico de Lugo.
Os asistentes aos concertos poderán gozar dun amplo repertorio camerístico da man dos solistas da orquestra que, para a ocasión, se agrupan en un sexteto, dous quintetos e tres cuartetos, con programas que inclúen pezas de compositores clásicos e contemporáneos. En total, escoitaranse dezaoito obras musicais.
Os concertosO ciclo ‘Formacións de Cámara’ comezará o vindeiro mércores 13 de xaneiro cun recital a cargo dun quinteto de vento formado por Luís Soto (frauta), Esther Viúdez (óboe), Beatriz López (clarinete), Manuel Veiga (fagot) e Alfredo Varela (trompa), que interpretarán as pezas Tango I e Tango II de Piazzola, Rondó caprichoso para quinteto de vento e Preludio para quinteto de vento, zarabanda e fuga de López García-Picos, e Suite para quinteto de vento de Colomina i Bosch.
Outro quinteto, formado por Claudio Guridi (violín), Enrique Roca (violín), Timur Sadykov (viola), Carlos García (violonchelo) e Vicente López (clarinete), tocarán o día 10 de febreiro o Cuarteto de corda número 1 en fa maior de Beethoven, e o Quinteto para clarinete e cuarteto de corda de Hindemith.
O 10 de marzo será o turno de Yulia Petrushevskaja (violín), Ilya Fisher (violín), Oxana Bakulina (viola) e Thomas Piel (violonchelo), que interpretarán o Cuarteto de corda número 21 de Mozart, e o Cuarteto de corda número 14 de Shostakovich.
O día 7 de abril, o público poderá escoitar as pezas Cuarteto de corda número 2 en sol maior de Beethoven, Adagio de Barber e Cuarteto de corda número 2 de Shostakovich a cargo do grupo formado por Michal Ryzcel (violín), Ildikó Oltai (violín), Timur Sadykov (viola) e barbara Switalska (violonchelo).
O 5 de maio soará o Cuarteto número 1 “Kreutzer Sonata” de Janácek e o Cuarteto en re maior KV 421 de Mozart a cargo de Kiyoko Ohashi (violín), Victoria Jurov (violín), Natalia Madison (viola) e Ailsa Lewin (violonchelo).
O ciclo de concertos pecharase o día 9 de xuño coa actuación do sexteto formado por Anna Alexandrova (violín), Michal Ryczel (violín), Ionela Ciobotaru (viola), Ailsa Lewin (violonchelo), Laurent Blaiteau (frauta) e Juan Carlos Otero (fagot), que tocarán o Quinteto número 3 en re menor e Quinteto número 5 en sol maior de Boccherini, Elpénor para frauta e cuarteto de cordas de Roussel e A enigmática historia de amor de Bauxita e Grafito de Senanes.