A Real Filharmonía de Galicia ofrece en Lugo un novo recital dentro do ciclo 'Formacións de cámara'
A Real Filharmonía de Galicia ofrece este mércores 10 ás 21:00 horas no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia de Lugo o terceiro recital do seu ciclo ‘Formacións de Cámara’, que interpreta na cidade coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura da USC.
O cuarteto formado por Yulia Petrushevskaja (violín), Ilya Fisher (violín), Oxana Bakulina (viola) e Thomas Piel (violonchelo) será o protagonista deste concerto, no que interpretarán as pezas Cuarteto de corda nº21, KV 575 de Beethoven e Cuarteto de corda nº 14, op.142 de Shostakovich.
‘Formacións de cámara’ é o primeiro ciclo que a Real Filharmonía de Galicia, orquestra xestionada polo Consorcio de Santiago, presenta en Lugo e consta de seis concertos que se desenvolverán un mércores ao mes ata xuño con entrada gratuíta.
Este ciclo permite que a singularidade artística de cada un dos compoñentes da orquestra se plasme en proxectos de cámara, ao tempo que se consegue unir os conceptos de música e patrimonio, levando os concertos ao centro histórico da cidade.
Os asistentes aos recitais poden gozar dun amplo repertorio camerístico da man dos solistas da orquestra que, para a ocasión, se agrupan en un sexteto, dous quintetos e tres cuartetos, con programas que inclúen pezas de compositores clásicos e contemporáneos. En total, escoitaranse en Lugo dezaoito obras musicais.