Un recital do grupo ‘A Quenlla’ pecha este venres a programación de ‘Palabra de Lucense’ impulsada polos alumnos do Cuarto Ciclo no Campus de Lugo
A Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo acolle este venres 8 de abril un recital da agrupación musical ‘A Quenlla’ como colofón ás actividades desenvolvidas nas pasadas semanas por pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC no Campus de Lugo. Será a partir das 20:00 horas e está aberto a todo o público.
A Asociación IV Ciclo conta con máis de 80 persoas que forman parte do grupo de matriculados este curso en estudos de IV Ciclo do Campus de Lugo. Entre as actividades do colectivo destacan por unha banda as viaxes (xa teñen unha programada para maio a Cantabria) , e por outro lado unha serie de actos que se intensificaron nos últimos tres anos. Estas iniciativas están destinadas a completar coñecementos e propiciar, ao mesmo tempo, que a poboación luguesa sinta a Universidade como propia e se interese polo coñecemento, apuntan dende a asociación. Neste conxunto teñen organizado diversos ciclos de conferencias, recitais e debates e para o presente curso programan introducir tamén o teatro.