Reclaman máis recursos para investigación e axudas aos sectores afectados pola vespa velutina

O Museo de Historia Natural da USC acolleu estes días pasados unha xornada na que participaron diferentes colectivos para tratar o problema en Galicia do tártago de patas amarelas (Vespa velutina). Á xuntanza asistiron investigadores das tres universidades galegas e membros da Asociación Galega de Apicultura co obxectivo de atopar vías para o desenvolvemento de métodos de control eficaces. Ademais, representantes dos principais sectores afectados, integrados na Plataforma Stop Velutina, puxeron en común as diferentes visións e debateron as accións a desenvolver e as propostas para elevar á Administración, como máxima responsable na xestión deste problema.
A unión entre o colectivo científico e os sectores afectados pola Vespa velutina foi a principal idea trasladada na xornada do xoves no Museo, que ademais alberga unha exposición temporal sobre esta problemática. A iniciativa partiu da Asociación Galega de Apicultura, que este verán xuntou investigadores e investigadoras das universidades galegas para constituír un grupo de traballo científico no que integrar tamén o sector apícola e outros afectados polo problema.
A principal conclusión do encontro, como deixaron de manifesto, é que ante o avance da praga e a constatación de que a erradicación é “practicamente imposible”, a investigación é “ indispensable” para mellorar os sistemas actuais de loita e atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas que poidan controlar a expansión e “reducir os efectos negativos que produce a Vespa velutina sobre a saúde pública, o medio ambiente e as actividades produtivas do sector primario”. “Faltan recursos e financiamento para continuar investigando e chegar a métodos eficaces de control da praga e diminución dos danos”, denunciaron, á vez que acordaron acudir á Administración galega, a través da Consellaría de Medio Ambiente, a solicitar esas axudas para a investigación, “cunha proposta clara e concreta, elaborada dende unha visión científica e coa experiencia dos apicultores e apicultoras, observadores privilexiados da Vespa velutina e un dos colectivos máis prexudicados”.
Máis axudas
Nesa mesma sesión do xoves participou a Plataforma Stop Velutina que, con preto de 50 entidades integrantes, naceu co obxectivo de xuntar forzas para esixir á Administración competente que leve a cabo as accións necesarias para facer fronte a esta praga. “Ao tratarse dun problema global debería ser tratado de forma transversal implicando a todo o aparato institucional pero, dada a súa especificidade en cada territorio e coas particularidades de cada sector afectado, no caso galego é necesario un tratamento específico por parte das Consellarías de Medio Ambiente -en canto problema medioambiental que pon en risco a biodiversidade- e de Medio Rural, apoiando os sectores directamente afectados como é o caso do apícola”, advirten.
Neste senso, as organizacións apícolas solicitaron axudas para cubrir os gastos derivados de protexer as colmeas, como por exemplo coa instalación de trampas eléctricas nos colmeares, única medida que demostrou ata o momento resultados positivos pero que require un gran investimento.
Os asistentes á xuntanza foron críticos coa xestión desta problemática por parte da Xunta de Galicia. Así, fronte á “inoperatividade” da comisión de seguimento propoñen a constitución dunha mesa sectorial que inclúa tanto a Administración como o resto de sectores: apícola, agrario, forestal, sindical, concellos, ecoloxistas e académico. Do mesmo xeito, critican que a Xunta delegue o traballo do trampeo ou a retirada de niños nos concellos, moitos deles con escasos recursos e persoal, “deixando avanzar o problema acudindo ao argumento de que hai que convivir coa praga ou que noutros lugares xa non se retiran os niños e amosando así unha actitude pasiva ante este problema”.
Nos próximos días, tanto o Grupo de Investigación sobre a Vespa velutina como os integrantes da Plataforma, elaborarán documentos no que se plasmarán as ideas e propostas traballadas na xuntanza para trasladar ás administracións responsables e continuar co traballo de loita en conxunto.