Recomendan accións de políticas públicas para rachar coas barreiras de acceso á xustiza das mulleres con discapacidade
A catedrática de Dereito Civil da USC, María Paz García Rubio, é unha das autoras do informe El acceso a la justicia de las mujeres con discapacidad elaborado para a Fundación CERMI Mujeres no que se propoñen unha serie de recomendacións para a adopción de políticas públicas coa fin de rachar coas barreiras sistémicas que dificultan o dereito de acceso á xustiza das mulleres con discapacidade. Xunto coa docente da Universidade compostelá, participaron tamén na elaboración do informe a profesora de Dereito Civil da Universidade de Córdoba Celia Prados García e María Eugenia Torres Costas, da Universidade Complutense de Madrid.
O documento pretende non só achegar coñecemento sobre esta temática no seu sentido máis amplo, senón tamén "denunciar as barreiras sistémicas, especialmente, cando se trata de discapacidade psíquica ou psicosocial", explican as expertas. Porque aínda que durante os últimos anos se publicaron algúns protocolos sobre acceso á xustiza neste sentido, este novo informe explora a temática dende unha perspectiva interseccional, é dicir, desde unha ollada que integra o feminismo e unha visión social da discapacidade. Por iso se tivo en conta a conexión das distintas discriminacións que sofren as mulleres e se prestou especial atención á discapacidade psíquica, ás mulleres maiores e a aquelas que viven en zonas despoboadas ou con difícil acceso aos servizos públicos como a xustiza.
A pesar de que todos os tratados internacionais e a maioría das constitucións conteñen garantías relativas á igualdade de xénero ante a lei, na práctica este dereito non se traduce nunha igualdade real, segundo destaca o informe. As barreiras físicas ás propias instalacións da administración, a falla de transporte accesible, as dificultades para acceder á asistencia e representación xurídicas, a ausencia de información en formatos accesibles, a falla de formación, a actitude paternalista ou os prexuízos negativos son só algúns dos condicionantes que poñen en xaque este dereito. A respecto disto último, subliñan as autoras, “á coñecida discriminación por razón de sexo súmase unha preconcepción da discapacidade que afecta á propia capacidade xurídica destas mulleres, sendo frecuentemente infantilizadas ou estereotipadas, o que provoca un acceso máis limitado á xustiza".
Fronte a isto, no informe proponse toda unha serie de posibles solucións a adoptar por parte dos poderes públicos como o deseño de programas de formación enfocados ás persoas que traballan no sector da xustiza, a elaboración de protocolos de información en formatos accesibles dirixidos especificamente ás mulleres con discapacidade, promover a información e o asesoramento xurídico, garantir os axustes razoables que permitan exercer este dereito ou impulsar a figura do "facilitador", que actúa de ponte comunicativa entre a administración de xustiza e a persoa con discapacidade.