Ir o contido principal

Recoñecen un traballo da USC que recomenda o seguro forestal tras un incendio

Recoñecen un traballo da USC que recomenda o seguro forestal tras un incendio
Recoñecen un traballo da USC que recomenda o seguro forestal tras un incendio
O relatorio do investigador Jesús Barreal foi premiado pola Asociación Hispano-Portuguesa de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais

O relatorio ‘O seguro forestal como ferramenta de restauración tras os incendios forestais’, do investigador do grupo Econ-Natura da USC Jesús Barreal Pernas, foi recoñecido pola Asociación Hispano-Portuguesa de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais (AERNA) na súa V conferencia científica celebrada estes días en faro (Portugal). O relatorio advirte da importancia do emprego do seguro forestal para previr o abandono das producións tras un incendio á vez que destaca o atractivo que podería ter para un produtor forestal un seguro que cubra os custes de recuperación do terreo e as posibles perdas económicas causadas polo lume na produción madeireira. Deste xeito, explica Barreal, “conxúgase un seguro que busca reducir a volatilidade nas inversións forestais e minimizar o abandono das terras tras os incendios” . A investigación, financiada polo proxecto Fireman da convocatoria de Euroinvestigación (Programa Eranet-Biodiversa), foi realizada en colaboración coa profesora do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC María Loureiro e co profesor Juan Picos, do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo. Jesús Barreal Licenciado en Administración e Dirección de Empresas con Máster en Organización Industrial e Mercados Financeiros, a tese de doutoramento de Jesús Barreal estuda a xestión de recursos forestais e a modelización da ocorrencia de incendios. Econ-Natura O grupo Econ-Natura realiza investigación e tarefas de consultaría ambiental en temáticas relacionadas coas consecuencias ambientais e sociais de catástrofes naturais, produción enerxética, economía agraria e forestal. Os seus membros proceden de diversas especialidades, incluíndo ciencias ambientais, economía agraria, economía forestal e administración de empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2012.