Ir o contido principal

O recoñecido grupo Kalenda Maya actúa este martes na Catedral

Un recital enmarcado no programa ‘Tu Catedral te necesita’ co que colabora a USC

A recoñecida formación norueguesa Kalenda Maya ofrece este martes 29 un concerto na Catedral de Santiago enmarcado no programa Tu Catedral te necesita e co que colabora a USC. Será ás 21.30 horas cando o grupo, especializado en repertorio medieval, interprete un programa composto por Cantigas de Santa María (Alfonso X), o Romance de la Gallarda, cancións sefarditas e pezas do Llibre Vermell de Monserrat. Kalenda Maya, formado hai máis de tres décadas, busca achegarse o máis posible ao ambiente da época que estudan e interpretan utilizando reproducións do prestixioso luthièr Sverre Jensen e seguindo modelos de esculturas e pinturas medievais. Conta cunha ducia de gravacións no seu haber, con versións nas que non falta a aproximación a tons e aires populares, recibindo influencias de música popular e folk dos países que visitaron. O grupo compóñeno Tone Hulbækmo, voz, arpa, lira e percusión; Anne Hytta, violas; Hans Fredrik Jacobsen, frautas, gaita, laúde e kantele; Snorre Bjerck, percusións; e Sverre Jensen, salterio, mandora, laúde e zanfona. Precisamente este último participou, desde os comezos en 1989, no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria dirixido polos profesores López Calo e Carlos Villanueva. É máis, na presentación dos prototipos en 1992 contouse coa colaboración de Kalenda Maya xunto co grupo In Itinere.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2013.