Ir o contido principal

Recoñecidos especialistas abordan na USC diversos aspectos do réxime xurídico das augas minerais e termais

Os máis recoñecidos especialistas do Estado están a abordar na Facultade de Dereito diversos aspectos do complexo réxime xurídico-competencial das augas minerais e termais nunha xornada que conta co apoio da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellaría de Innovación e Industria.
O encontro, dirixido pola profesora Alba Nogueira, xurde da necesidade de estudar un sector con gran tradición en Galicia, onde existen aproximadamente uns trescentos xurdimentos de augas mineiro-medicinais que se manifestan empresarialmente en balnearios e plantas de envasados.
As diversas intervencións están a analizar ao longo de todo o día a distribución competencial en materia de augas minerais e termais, o réxime xurídico, a directiva marco de augas ou o canon de saneamento, entre outras cuestións.
Participan na xornada avogados e expertos das Universidades de Barcelona, La Rioja, Murcia e Castela-A Mancha, así como o presidente do Consello de Contas de Galicia, Antonio López Díaz, e o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2007.