Recoñecidos especialistas abordarán na USC diversos aspectos do réxime xurídico das augas minerais e termais
Os máis recoñecidos especialistas do Estado abordarán diversos aspectos do complexo réxime xurídico-competencial das augas minerais e termais nunha xornada que conta co apoio da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellaría de Innovación e Industria.
A xornada, dirixida pola profesora Alba Nogueira, xurde da necesidade de estudar un sector con gran tradición en Galicia, onde existen aproximadamente uns trescentos xurdimentos de augas mineiro-medicinais que se manifestan empresarialmente en balnearios e plantas de envasados.
A inauguración da sesión terá lugar ás 9:00 horas para dar paso ás diversas intervencións que ao longo de todo o día versarán sobre a distribución competencial en materia de augas minerais e termais, o réxime xurídico, a directiva marco de augas ou o canon de saneamento, entre outras cuestións.
Participan na xornada avogados e expertos das Universidades de Barcelona, La Rioja, Murcia e Castela-A Mancha, así como o presidente do Consello de Contas de Galicia, Antonio López Díaz, e o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.