Reconstrúen a través das turbeiras de montaña do Xistral a historia da contaminación atmosférica por metais traza no noroeste ibérico dende comezos do XIX
Un estudo realizado nas turbeiras do Xistral permitiu reconstruír “cunha precisión sen precedentes” a historia da contaminación atmosférica por metais traza no noroeste ibérico dende principios do século XIX. Segundo explican os investigadores do grupo EPEC-ES2 da USC responsables da investigación realizada, as turbeiras de montaña do Xistral son sensores ideais da contaminación atmosférica xa que a deposición de metais e outras substancias prodúcese directamente dende a atmosfera sen interacción ningunha con superficies de solos ou augas. Concretamente, o traballo localizouse na turbeira de Chao de Lamoso (Lugo). A investigación acaba de ver a luz en forma de artigo na revista Geochimica et Cosmochimica Acta asinado por Antonio Martínez Cortizas e Eva Peiteado Varela do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, xunto a outros tres investigadores da Universidade de Umea de Suecia e das de Braunscheweig e de Heildelberg de Alemaña. O artigo leva por título ‘Reconstructing historical Pb and Hg pollution in NW Spain using multiple cores from the Chao de Lamoso bog (Xistral Mountains)’. Tomando as turbeiras como un libro de rexistro ambiental, os investigadores atoparon noticias positivas nas súas últimas páxinas: dende comezos da década dos anos 80 do século XX a contaminación entrou nunha dinámica de descenso sostido, de tal xeito que os niveis actuais de acumulación de metais acércanse aos dos inicios do século XIX. En opinión dos estudosos, estes rexistros son o resultado da posta en marcha de políticas nacionais e internacionais relacionadas coas emisións de contaminantes cara a atmosfera. Sinalan como exemplo a regulación das taxas de emisión de dióxido de xofre (causante da chuvia ácida), o que limitou o uso do carbón local na central de As Pontes, axudando a reducir as emisións de metais (como amosa o descenso da acumulación de mercurio). Pola súa banda, a prohibición do uso dos axentes anti-detonantes nas gasolinas ten influído na drástica redución das emisións de chumbo. Presenza de chumbo e mercurio O labor investigador centrouse na análise dos contidos en chumbo e mercurio revelando a evolución parella de ambos ao longo dos anos e a existencia de ata seis fases de contaminación atmosférica. Así, os niveis máis baixos de acumulación de metais atopáronse en mostras de turba con idades anteriores a 1875. Segundo os investigadores a partir desa data a contaminación seguiu unha tendencia crecente ata acadar o seu máximo na década dos anos 70 do século XX, cunha acumulación de mercurio ata dúas veces e de chumbo ata máis de cinco veces superior á dos inicios do século XIX. A composición isotópica demostrou que as emisións debidas a combustión das gasolinas, que contiñan chumbo (tetraetil-Pb) como axente anti-detonante, foron a principal fonte de contaminación. Máis do 80% do chumbo depositado procedía de fontes contaminantes. Fontes locais, como a queima de carbón na central térmica de As Pontes, tamén parecen ter contribuído ás emisións de metais entre 1970 e 1990, engaden os autores do estudo. A contaminación metálica e o seu rexistro Como explican os autores do traballo, actividades humanas diversas como a minería e a metalurxia, a queima de combustibles fósiles (particularmente as gasolinas) ou a incineración de residuos emiten á atmosfera metais traza que poden resultar prexudiciais para os ecosistemas e a saúde humana. Deles, o chumbo e o mercurio teñen recibido moita atención polos seus efectos nocivos, causando enfermidades como o saturnismo ou a enfermidade de Minamata que producen graves trastornos neurolóxicos. A intoxicación por chumbo mesmo se relacionou en humanos co aumento da agresividade. Estes metais, una vez emitidos son transportados e depositados nos solos e nas augas, podendo pasar ás cadeas tróficas. Debido á continua acumulación de restos vexetais, as turbeiras van enterrando en capas cada vez máis profundas os elementos acumulados nun período dado. Isto posibilita que a análise de testemuños de turba, apoiados nunha cronoloxía precisa, permite facer unha reconstrución da composición da atmosfera no pasado. É unha información que os científicos consideran “especialmente importante” no caso das sustancias contaminantes pola inexistencia de estudos sistemáticos que se remonten máis aló duns poucos anos ou décadas. Estudos en marcha O equipe internacional de investigadores vinculados ao proxecto de turbeiras está a avanzar na caracterización de rexistros tanto do noroeste ibérico como doutras zonas do mundo (Suecia, Alemaña, Brasil, Australia ou Sudáfrica). Seguindo coa mesma metodoloxía, o grupo fixou como obxectivo a curto prazo facer a reconstrución da cronoloxía precisa da historia da minería e a metalurxia dende o inicio das idades dos metais (hai uns cinco mil anos).
É un tipo de liña de traballo próxima á investigación histórica, e que é motivo de especial interese no noroeste ibérico por representar, por exemplo, unha das áreas mineiras máis importantes do Imperio Romano.
Parte dos integrantes do grupo EPEC-ES2 da USC, con Antonio Martínez Cortizas primeiro pola dereita