Ir o contido principal

A Rede Biostatnet reúne en Compostela un cento de especialistas internacionais

Logo da Rede
Logo da Rede
Será no transcurso da súa cuarta xuntanza xeral

A cuarta reunión xeral de Biostatnet celebrarase este venres 25 e o sábado 26 en Compostela coa participación cun cento de especialistas nacionais e internacionais co fin de fomentar a colaboración entre persoal experto de diferentes países arredor dos últimos avances en biostestatística e ciencia dos datos. O encontro, cuxo programa se desenvolverá no Hotel NH Collection, organízao o grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos da USC, cuxa directora é a catedrática Carmen Cadarso Suárez, en colaboración coa spin-off Biostatech.

Como explica o comité organizador da xuntanza, as cuestións a tratar revisten a máxima actualidade sobre todo “cando conceptos como big data, data science ou análise de datos teñen chegado ás nosas vidas para quedarse”. Neste senso o equipo organizador destaca que a análise estatística de datos biolóxicos e o seu estudo probaron ser de vital importancia para o avance da medicina e outras ciencias.

Biostatnet é unha rede temática interdisciplinar dedicada á investigación en bioestatística que integra máis de 250 investigadores de numerosas institucións nacionais e internacionais. Foi creada en 2010 coa finalidade de coordinar investigación e docencia neste ámbito temático, potenciar a formación de investigadores novos e fortalecer a colaboración científica para abordar novos retos en biomedicina.

Con anterioridade ao inicio do encontro, este mesmo xoves 24 celébrase na Facultade de Medicina un obradoiro satélite sobre ‘Multi-State Models’ que impartirán os profesores Luís Meira Machado, da Universidade de Minho; e Jacobo de Uña, da Universidade de Vigo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2019.