Ir o contido principal

A Rede de Especies Invasoras reúnese en Bioloxía

A Rede de Especies Invasoras reúnese en Bioloxía
A Rede de Especies Invasoras reúnese en Bioloxía

A situación actual das especies invasoras, tanto vexetais como animais, é o tema central dunha xuntanza que este xoves 16 e o venres reunirá na Facultade de Bioloxía da USC a expertos de diversos países. Esta é unha acción formativa que organiza a Rede Alien Species Network (ASN), financiada pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e integrada por investigadores das tres universidades galegas e da de Coimbra. O obxectivo é revisar e debater sobre diversos aspectos das invasións biolóxicas con nove relatores procedentes de diversas institucionais nacionais e internacionais de recoñecido prestixio. O programa propón un amplo espectro de contidos no ámbito das especies exóticas invasoras vexetais e animais tanto de ecosistemas terrestres como acuáticos, abarcando temas tan diversos como o efecto do cambio climático sobre as especies alóctonas, estratexias de manexo, control e restauración e as súas implicacións para a conservación e a concienciación social respecto das especies invasoras.

Á reunión da rede, que comezará ás 9.45 no salón de graos do centro, acoden especialistas procedentes do Reino Unido, Sudáfrica, Italia, ou Portugal, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2015.