A Rede Galega de Investigación en Información Xeográfica presentarase na segunda xornada do GIS Day

O foro internacional de divulgación do papel das tecnoloxías da información xeográfica, GIS Day, que se está a celebrar no centro CACTUS do Campus de Lugo, foi o marco escollido para a presentación da Rede Galega de Investigación en Información Xeográfica (REDIX), que terá lugar este xoves, a partir das 10:00 horas.
O REDIX é unha iniciativa de cooperación entre oito grupos de investigación universitarios e departamentos da Xunta de Galicia para a innovación e o fomento da incorporación destas tecnoloxías e das infraestruturas de datos espaciais na administración local e na empresa. Cada un dos grupos terá 20 minutos para falar do seu proxecto, polo que a xornada prolongarase ata as 15:00 horas.
O GIS Day é un foro de divulgación no que participan 80 países. Está organizado polo Sistema de Información Territorial (SIT) da Universidade de Santiago e polo Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA) da Xunta de Galicia. O seu programa comprende dúas xornadas de portas abertas, nas que os visitantes poden coñecer in situ os proxectos que se están a desenvolver e o equipamento do que dipoñen; así como a oferta empresarial con demostracións tecnolóxicas e explicacións.
O SIT é o organismo encargado do apio científico e tecnolóxico aos investigadores da USC e ao resto da sociedade no que atinxe ao manexo de información relacionada co territorio ou cunha compoñente xeoespacial.
A finalidade desta celebración é buscar a interacción entre os cidadáns, os usuarios actuais e potenciais desta tecnoloxía e os desenvolvedores de aplicacións.
A participación nesta xornada é libre e non precisa inscrición previa. Está aberta a todos os usuarios e entidades relacionadas cos Sistemas de Información Xeográfica, así como a particulares, estudantes ou interesados.