Ir o contido principal

A Rede Inmunogenom presenta este xoves un vídeo e un traballo sobre a investigación en acuicultura en Galicia entre 2017 e 2019

Participantes nunha caravana pola acuicultura promovida pola Rede Inmunogenom
Participantes nunha caravana pola acuicultura promovida pola Rede Inmunogenom
A Rede Inmunoxenómica das Enfermidades de Peixes e Moluscos trata nun foro no Instituto de Acuicultura da USC o futuro da I+D en acuicultura no marco de BioReDes
Lugo

A Rede Inmunoxenómica das Enfermidades de Peixes e Moluscos (Inmunogenom), integrada por seis grupos da investigación da USC en diversos ámbitos da acuicultura, ademais do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), dependente da Xunta de Galicia, presenta este xoves, a partir das 10.30 horas, na sede do Instituto de Acuicultura de Santiago de Compostela, un vídeo de promoción da acuicultura e o traballo ‘Revisión do estado da investigación científica en acuicultura: Galicia 2017-2019’, no marco dunha sesión aberta que servirá de peche das actividades desenvolvidas pola Rede Inmunogenom desde 2017 ata a actualidade.

A xornada de clausura do segundo período de actividade desta rede nada co obxecto de promover a investigación interdisciplinar e de calidade no ámbito da acuicultura, así como para favorecer o intercambio de coñecementos entre a investigación pública e o sector produtivo, promover o desenvolvemento de actuacións encamiñadas á mellora e á sustentabilidade da produción da acuicultura galega, ademais de para buscar solucións innovadoras acaídas para o control sanitario na acuicultura, servirá de escenario para a presentación do seu balance de actividades, ao tempo que dará pé a un debate sobre o futuro desta rede e da investigación en acuicultura no marco do Instituto de Acuicultura e a Agrupación Estratéxica BioReDes da USC.

Inmunogenom estivo financiada nesta segunda fase, cuxo período operativo remata en novembro de 2019, a través do programa de Axudas para a Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema Galego de I+D+i habilitado pola Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2019.