Unha rede de investigación do campus de Lugo abordará de xeito multidisciplinar a xestión sostible da empresa agroalimentaria
O estudo multidisciplinar da xestión sostible da empresa agroalimentaria entrará os cometidos da Rede de Investigación para a Xestión Sostible da Empresa Agroalimentaria (Igsea), unha nova unidade de investigación impulsada por docentes e investigadores da USC que maioritariamente desenvolven o seu traballo na Facultade de ADE e na Escola Politécnica Superior e a través da que se pretende contribuír á promoción do valor xerado no campus de Lugo, ademais do seu aproveitamento por parte de empresas e asociacións profesionais.
Impulsar a actividade científica que se vén desenvolvendo no campus de Lugo ao longo dos últimos anos e aumentar a súa visibilidade e a súa posta en valor constitúen outros dos obxectivos da rede Igsea, segundo indicou o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, no acto de presentación desta nova unidade científica, con sede na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) e que conta con financiamento da Xunta de Galicia para o período 2014-2016 no marco do programa consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas. A coordinadora da rede Igsea, a profesora do Departamento de Comercialización e Investigación de Mercados da USC Belén Bande Vilela; a decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro, e o profesor do departamento de Enxeñaría Agroforestal na EPS e investigador principal desta nova unidade de investigación, Enrique Arbones, sinalaron na presentación da rede que a súa actividade xirará arredor de tres áreas de especialización: Xestión empresarial e emprendemento sostible, agricultura e xestión forestal sostible, e suficiencia, seguridade e calidade alimentaria. As liñas de traballo e estudo da rede Igsea coinciden tamén con tres das directrices recollidas no plano estratéxico sobre o que se asenta o proxecto de especialización do Campus Terra, ao tempo que reforza o carácter pioneiro, tanto en Galicia como no resto de España, dunha unidade de investigación interdisciplinar centrada no estudo da xestión sostible da empresa agroalimentaria, un sector de significada importancia no caso de Galicia. A rede Igsea, integrada inicialmente por unha ducia de docentes e investigadores dos departamentos de Comercialización e investigación de mercados, Economía aplicada, Economía financeira e contabilidade, Enxeñaría Agroforestal e Organización de Empresas, pretende definir a tipoloxía dos perfís profesionais acaídos para unha xestión sostible da empresa agroalimentaria, para logo pasar a identificar as claves do éxito da xestión dentro do sector en Galicia. A identificación dos factores de diferenciación que permiten á industria agroalimentaria manter unha vantaxe competitiva sostible no tempo constitúe outros dos cometidos da rede Igsea, que se ocupará de avaliar a eficacia comercial das técnicas de diferenciación dos produtos baseadas na súa orixe, sustentabilidade e ou responsabilidade do proceso produtivo. A presentación de posibles liñas de acción a seguir por parte da industria agroalimentaria de Galicia cara a desenvolver unha estratexia de internacionalización de éxito, así como o a prestación de asesoramento e información tanto para facer máis rendibles as vantaxes propias dunha empresa familiar, que é condición habitual das firmas agroalimentarias, como a outros aspectos referidos á valorización e emprego de subprodutos desde perspectivas técnicas, económicas, sociais e globais, constitúen outra das dimensións nas que podería facer achegas a rede Igsea. Do mesmo xeito, outros dos campos nos que buscan ter incidencia os investigadores que conforman esta nova rede de investigación para a xestión sostible das empresa agroalimentarias son as prácticas de adaptación do rego ao cambio climático ou as técnicas de asesoramento para valorar o grao de dificultade de dar saída no mercado a produtos do sector primario galego. Premio rede Igsea A Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, no marco da Rede de Investigación para a Xestión Sustentable da Empresa Agroalimentaria, vén de convocar un premio para traballos fin de máster ou de fin de grao defendidos por estudantes do Sistema Universitario Galego durante o curso académico 2014-2015 e cuxa temática garde relación coa xestión sustentable deste tipo de empresas. Poderán concorrer a este galardón, que contempla unha gratificación en metálico de 700 euros brutos para a proposta máis valorada polo xurado, e un accésit de 300 euros, estudantes da USC, UDC e UVigo que defendan o seu traballo fin de grao/máster durante o presente curso. O director ou directores do traballo deben ser profesores da USC, UDC e UVigo e a fecha límite de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro. Programación de actividades Dentro das actividades de difusión previstas pola rede ao longo deste ano, cómpre destacar a organización do I International Workshop on Sustainable comsumption and production, que se celebrará os días 17-18 de marzo de 2015 na Facultade de ADE. Neste encontro, participarán como relatores invitados investigadores de prestixio pertencentes a institucións académicas europeas de referencia internacional. Ademais de constituír un foro adecuado para o debate e a reflexión, este workshop ten como obxectivos identificar as necesidades de investigación en materia de consumo e produción sustentables, ademais de consolidar relacións con outros centros de investigación internacionais que centran o seu traballo na xestión sustentable da empresa agroalimentaria. Outras actividades previstas para o ano 2015 son a realización das I Xornadas sobre Empresa Agroalimentaria e Sustentabilidade, un foro que contará coa participación de representantes de empresas representativas do tecido empresarial galego. O obxectivo é consolidar unha liña de comunicación continua e bidireccional da rede con empresas e institucións a fin de poder desenvolver proxectos de colaboración conxuntos. A organización dun seminario de investigación sobre xestión sustentable na empresa familiar é outra das accións que prevé desenvolver nos próximos meses a rede Igsea, cuxos integrantes son conscientes de que moitas das empresas agroalimentarias galegas son de carácter familiar. Daquela, este seminario pretende servir de axuda ás empresas agroalimentarias para que optimicen as vantaxes da súa dimensión familiar e lideren o proceso de sustentabilidade no modelo empresarial.