Ir o contido principal

A rede de e-learning RedeTELGalicia celebra no CiTIUS a IV Xornada TELGalicia

A rede de investigación galega sobre e-learning RedeTELGalicia celebrará o luns 6 no salón de actos do CiTIUS a IV Edición das Xornadas TELGalicia. A sesión dará comezo ás 9:30 horas cunha conferencia sobre a calidade nas aulas impartida por Inmaculada Plaza, profesora titular da Universidade de Zaragoza. Nesta primeira quenda presentarase a evolución do concepto «calidade», procedente do mundo empresarial e incorporado ao ámbito universitario nos últimos anos. O novo marco normativo que rexe o sistema universitario fixou a calidade como factor estratéxico, convidando aos docentes a sumarse a esta filosofía. No relatorio abordaranse as dificultades de aplicación deste concepto no día a día da vida académica e científica, citando exemplos prácticos que faciliten a súa implementación en aulas e laboratorios. A xornada completarase coa intervención de Davinia Hernández Leo, profesora do Departamento de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. No seu relatorio –‘TIC para o profesor como (co-) deseñador e (co-) orquestador de actividades de aprendizaxe’- Hernández salientará o rol das TIC á hora de facilitar as distintas tarefas do profesorado, ofrecendo unha visión global das ferramentas que lles permiten traballar en comunidade, así como programar actividades con alumnos sobre contornas virtuais. O relatorio concluirá cunha demostración práctica, procurando a interacción dos asistentes coa ferramenta. RedeTELGalicia é froito do interese de varios grupos de investigación europeos na aplicación de novas prácticas pedagóxicas no eido educativo, principalmente no marco de primaria e secundaria. O seu obxectivo esencial é contribuír a mellorar o ensino a través da innovación, con novos métodos pedagóxicos que inclúan o aproveitamento das novas tecnoloxías (pizarras dixitais, tablets, etc.).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2013.