Ir o contido principal

A Rede Nacional de Bioestatística celebra en Medicina a súa terceira xuntanza xeral

O reitor, no centro da imaxe, presidiu a sesión inaugural celebrada en Medicina. Foto: Servimav-USC
O reitor, no centro da imaxe, presidiu a sesión inaugural celebrada en Medicina. Foto: Servimav-USC

A rede nacional de Bioestatística (Biostatnet) celebra a súa terceira xuntanza xeral este venres 20 e o sábado 21 na Facultade de Medicina da USC para debater sobre retos de investigación bioestatística con proxección internacional. Este congreso reúne máis dun cento de especialistas de toda España, tanto novos investigadores/as como sénior para intercambiar coñecementos e definir o estado actual da investigación neste campo.

O reitor Juan Viaño presidiu a sesión inaugural do congreso no Salón de Actos Nóvoa Santos da Facultade de Medicina, onde reivindicou como fundamentais este tipo de encontros, “unha universidade ten que ser un ágora de debate constante onde sexa posible transmitir o coñecemento da mellor forma posible, garantindo que os e as profesionais de mañá teñan a mellor formación hoxe”.

O reitor destacou o enfoque desta xuntanza por ter “logrado sentar na mesma mesa a importantes referentes mundiais no mundo da bioestatística con investigadores novos que queren aprender. Este enfoque é fundamental para avanzar no coñecemento e probablemente moitos destes investigadores converteranse en relatores de prestixio en poucos anos”. Na mesa presidencial tamén participaron o decano da Facultade, Juan Gestal; o director do CiMUS, Carlos Diéguez; a coordinadora de Bioestatnet, Carmen Cadarso Suárez; e o director do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Manuel Febrero Bande.

Biostatnet quere ser o núcleo de conexión do persoal investigador de España cun enfoque flexible, aberto, integrador e interdisciplinario. É unha rede pioneira en España que consta de oito nodos e preto de douscentos membros liderados por estatísticos universitarios con proxectos propios de investigación, experiencia docente neste campo e colaboración estreita con investigadores biomédicos.

O terceiro congreso da rede celébrase este venres e o sábado, comezando cunha sesión na que se deu conta dos logros alcanzados e que deu paso á conferencia plenaria do profesor KyungMann Kim, da Universidade de Winconsin, e á quenda de presentación de comunicación orais. A xornada da tarde do primeiro día dá a palabra a novos investigadores/as deste ámbito, a través da presentación de comunicacións orais e dunha mesa redonda. Completa o programa do día 20 un encontro das agrupacións científicas BIO.

A primeira sesión do sábado 21 conformarana dous obradoiros paralelos sobre desenvolvemento de software estatístico e sobre deseño de experimentos e a conferencia convidada de Miguel A. Martínez Beneito, da Fundación para o Fomento da Investigación Sanitaria e Biomédica da Comunidade Valenciana. Para rematar o programa, está prevista unha mesa sobre os retos de futuro da rede. Con anterioridade á celebración do congreso Giampiero Marra, do University College London imparte este xoves un obradoiro sobre ‘CGAMLSS with R’.

Na xuntanza participan máis dun cento de especialistas de toda España. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.01.2017.