A Rede Nacional de Bioestatística reunirase a vindeira semana en Medicina

A rede nacional de Bioestatística (Biostatnet) celebrará a súa terceira xuntanza xeral a vindeira semana na Facultade de Medicina da USC para debater sobre retos de investigación bioestatística con proxección internacional. Este congreso reunirá a máis dun cento de especialistas de toda España, tanto novos investigadores/as como sénior para intercambiar coñecementos e definir o estado actual da investigación neste campo. As persoas interesadas en asistir aínda poden formalizar a súa inscrición.
Biostatnet quere ser o núcleo de conexión do persoal investigador de España cun enfoque flexible, aberto, integrador e interdisciplinario. É unha rede pioneira en España que consta de oito nodos e preto de douscentos membros liderados por estatísticos universitarios con proxectos propios de investigación, experiencia docente neste campo e colaboración estreita con investigadores biomédicos.
O terceiro congreso da rede celebrarase os próximos días 20 e 21 de xaneiro, comezando cunha sesión na que se dará conta dos logros alcanzados e que dará paso á conferencia plenaria do profesor KyungMann Kim, da Universidade de Winconsin, e á quenda de presentación de comunicación orais. A xornada da tarde do primeiro día dará a palabra aos novos investigadores/as deste ámbito, a través da presentación de comunicacións orais e dunha mesa redonda. Completará o programa do día 20 un encontro das agrupacións científicas BIO.
A primeira sesión do día 21 conformarana dous obradoiros paralelos sobre desenvolvemento de software estatístico e sobre deseño de experimentos e a conferencia convidada de Miguel A. Martínez Beneito, da Fundación para o Fomento da Investigación Sanitaria e Biomédica da Comunidade Valenciana. Para rematar o programa, está prevista unha mesa sobre os retos de futuro da rede. Con anterioridade á celebración do congreso Giampiero Marra, do University College London impartirá un obradoiro sobre ‘CGAMLSS with R’.