Ir o contido principal

A Rede Revolta abre un espazo de interacción entre universidade e sociedade para atender os desafíos que incorpora o 'ecofeminismo'

Cartaz da xornada promovida pola Rede Revolta
Cartaz da xornada promovida pola Rede Revolta
As profesoras da USC Ana Cabana e Mar Pérez Fra abren este venres, ás 9.30 horas, no Vello Cárcere de Lugo o foro orientado a minguar as desigualdades contemporáneas

A Rede Revolta, integrada por oito grupos de investigación ao redor da agroecoloxía, organiza o este venres 15 de marzo, a partir das 9.30 horas, no Vello Cárcere de Lugo a xornada ‘ Ecofeminismos e o Rural’, un foro aberto a todo o público interesado e orientado a minguar as desigualdades contemporáneas a través da xénese dun novo espazo de debate e interacción entre a universidade e sociedade que permita avanzar e pensar as liñas de investigación que se abren arredor do ecofeminismo, ademais de atender aos novos desafíos que incorpora este movemento.

A combinación do ecoloxismo e do feminismo supón unha fenda ao discurso neoliberal que cousifica a muller e a natureza, o que trae consigo un novo relato de como atender ao presente, así como abre unha nova xanela na que comezar a construír pontes que procuren outros mundos menos desiguais. Daquela, a xornada ‘Ecofeminismos e o rural’, promovida pola Rede REVOLTA e coordinada polas profesoras Ana Cabana, Mar Pérez Fra e Elena Fernández Rodríguez, antóllase como un foro aberto acaído para explorar este novo mundo de posibilidades

Unha palestra na que a profesora Beatriz Fernández Herrero analizará o ecofeminismo como proxecto ético e político abrirá a quenda de intervencións dun foro, no que, de seguido, tamén intervirán a poeta e veterinaria María Sánchez afondará sobre as cosmovisións no rural, mentres que a investigadora e activista Araceli Macías e a secretaria do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, tratarán sobre as novas formas de ler as comunidades e a produción.

A profesora Mar Pérez Fra, xunto a artista Carla Souto e a agricultora de subsistencia Catalina Santiago, abordarán as outras formas de ler a terra. As conversas terán continuidade coa investigadora Elena Fernández e a agricultora Dora Cabaleiro, relatoras que farán fincapé na importancia de situar de novo e atender o cotiá e os tempos no rural. Co Encontro Ecofeminismos e rural procuramos abrir un espazo de debate na universidade co que atender ás demandas que a sociedade ten ao redor dos desafíos que o ecofeminismo incorpora.

O programa da xornada ‘Ecofeminismos e o Rural’, organizada en colaboración co Concello de Lugo, prolongarase en quenda de mañá e rematará cunha exposición final sobre os principais temas e liñas de traballo trazadas neste encontro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2019.