Ir o contido principal

A rede ReVOLTA organiza un encontro no que atender a innovación no rural galego

A rede ReVOLTA organiza un encontro no que atender a innovación no rural galego
A rede ReVOLTA organiza un encontro no que atender a innovación no rural galego

Vilar de Santos acollerá este venres 9 unha nova edición dos encontros ‘Rural Imaxinado’ que organiza a rede REVOLTA e nos que se busca xerar un espazo de debate entre persoas interesadas no mundo rural, labregos/as, activistas, emprendedores/as e investigadoras/es das universidades cos que tecer diálogos sobre a realidade actual do rural galego. A xornada é gratuíta, mais cómpre anotarse en rede.revolta [at] usc.es (rede[dot]revolta[at]usc[dot]es).

A xornada dará comezo ás 10:00 no Auditorio do concello ourensán coa benvida por parte de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea e coordinador do grupo de investigación HISTAGRA da USC, e do alcalde Xoan Jardón. A primeira mesa, dedicada a agroalimentación, contará coa presenza de experiencias tan exitosas como Carabuñas e A Arca de Noe, á vez que con Luis Couto se abordarán estratexias para a comercialización de produtos agrarios no marco normativo actual e Celtia Traviesas pechará esta primeira mesa coa cuestión ‘Comer comemos todas. A cidade como aliada’.

A continuación terá lugar a mesa ‘Abandono e volta’, eixos que guían esta edición. Participarán Maria Bella e Frank Buschmann, que analizarán a súa traxectoria de pasar de vivir en Madrid a Corcubión; Rocío Toxo abordará as experiencias sobre a acollida de habitantes de procedencia urbana e orixe non galega en aldeas do interior de Galicia; a investigadora e activista Araceli Macías analizará as ‘Voces das últimas que foron quedando’, e Cristina Collazo, de A Cova das Letras, apuntará a importancia das artes escénicas no rural.

Xa pola tarde, e en catro emprazamentos diferentes terán lugar catro mesas de traballo paralelas: participación social no rural, coa implicación do colectivo Vangarda Miñoca; animais e medio rural, organizada por Davide A. Outeiro (Asociación Galega de Tracción Animal - AGATRAN); cultura no rural, coordinada polo investigador portugués Ricardo de Campos, e a última coordinada por Alejandro F. Palicio (Tecnoloxías Apropiadas ) sobre investigacións fóra da academia.

Esta xornada supón un chanzo máis no camiño emprendido por oito grupos de investigación das universidades galegas (historia agraria, economía, enxeñería ou estudos da cultura) que a través da Rede REVOLTA en agroecoloxía están impulsando unha serie de encontros, xornadas e proxectos cos que atender ao medio rural galego e especialmente a agroecoloxía, como forma de desenvolvemento sustentable para o pais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2018.