Ir o contido principal

A Rede Telescopi recoñece diversas iniciativas da USC como exemplos de boas prácticas en dirección estratéxica universitaria

Telescopi é unha rede internacional de observatorios de boas prácticas en Latinoamérica e Europa

O sistema de calidade da xestión académica, o de voto electrónico, a firma de actas académicas con certificados electrónicos e o proxecto de cooperación interuniversitaria da USC acaban de ser recoñecidos pola Rede Telescopi como exemplos de boas prácticas no eido da mellora á calidade. Telescopi é unha rede internacional de observatorios de boas prácticas de dirección estratéxica universitaria en Latinoamérica e Europa. A súa finalidade é incrementar a calidade e a conformación dun espazo que facilite a colaboración interuniversitaria entre Europa e América latina.

Os catro proxectos presentados pola USC integrarán deste xeito, logo de superar positivamente o proceso de selección e avaliación dunha comisión de expertos, o Banco de Experiencias nos que a rede recolle casos de boas prácticas xunto coa información necesaria para facer posible un contacto máis preto e operativo.

Esta é unha plataforma para o benchmarking, un espazo de consulta aberta pensado para institucións de educación superior do ámbito latinoamericano e europeo que desexan intercambiar e aplicar no seu ámbito local experiencias sobre xestión universitaria que outras institucións xa desenvolveron con éxito.

Presentados pola xerencia da USC, na categoría ‘Procesos, produtos e servizos’ a institución docente compostelá compartirá deste xeito a súa experiencia sobre o sistema da calidade da xestión académica, que a USC ten certificado coa ISO 9001 e onde se inclúen os servizos de Oferta e Programación Académica, o de Xestión Académica incluíndo as tres UXA, e a Oficina de Análise e Reclamacións, dependentes da Secretaría Xeral universitaria.

Nesta mesma categoría as outras experiencias achegadas son as relativas á implantación dun sistema de voto electrónico e dun sistema de sinatura de actas académicas baseado en certificados electrónicos avanzados e DNI electrónico.

Finalmente, na categoría de ‘Alianzas e Recursos’ a universidade compostelá expuxo o seu proxecto de cooperación interuniversitaria xunto a outras tres universidades españolas para o desenvolvemento dun curso en competencias informacionais para alumnos de primeiro de grao. O proxecto reúne o traballo conxunto das bibliotecas universitarias da Laguna, Zaragoza, Alacante e Santiago de Compostela.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2012.