Ir o contido principal

A Rede TIL organiza o 24 de xaneiro as xornadas ‘Emprega-T’ na Facultade de Humanidades

As persoas interesadas en participar neste foro poden inscribirse xa de balde na Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo

A Rede de Técnicos de Inserción Laboral de Lugo (TIL), un foro de encontro, traballo e discusión de entidades do terceiro sector do que forma parte a Universidade de Santiago de Compostela a través da Área de Orientación Laboral do campus de Lugo, organiza o 24 de xaneiro, no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo, as xornadas ‘Emprega-T’.

Este foro orientado a facilitar a inserción laboral, vai dirixido ás persoas que se atopan en busca de emprego, aos usuarios/as dos servizos de orientación laboral das entidades a Rede TIL (USC, Cáritas Diocesana de Lugo, Cogami, Cruz Roja, Fundación Secretariado Xitano, Down Lugo, Fademga-Feaps, FEAFES Galicia, FAXPG, Asfem e Afammer Galicia), así como ao estudantado actualmente matriculado en calquera dos cetros do campus de Lugo e a aquelas persoas xa tituladas. A Rede TIL mantén aberto o prazo de inscrición nas xornadas ‘Emprega-T’, cuxa asistencia será totalmente gratuíta. As persoas interesadas en participar neste foro, que se desenvolverá en quenda de mañá e tarde, desde as 10.00 ata as 19.30 horas, poden xa formalizar a súa matrícula na Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo, a través do número de teléfono 982823562 ou nos enderezos de correo electrónico gloria.cruz [at] usc.es (gloria[dot]cruz[at]usc[dot]es) ou emprego.lugo. [at] usc.es (emprego[dot]lugo[dot][at]usc[dot]es). A técnica de Woman Emprende USC, Eva López, abrirá a quenda de relatorios cunha intervención sobre o emprendemento feminino universitario, á que seguirá outra charla de Iago Pérez Santalla sobre os límites para a atopar emprego. A Rede Eures e a importancia do coñecemento de linguas no mercado laboral europeo serán outros dos temas analizados nas xornadas ‘Emprega-T’, que, xa en quenda de tarde, incluirán unha mesa redonda sobre busca activa de emprego, na que que distintos relatores falarán sobre a planificación da carreira profesional, as ferramentas para a busca de emprego e as entrevistas de traballo.

O subdirector do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) da Universidade de Santiago, o profesor do Departamento de Patoloxía Animal Manuel López Sández, será o encargado de pechar as xornadas ‘Emprega-T’ co relatorio ‘O Traballador 2.0’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2013.