RedEmprendia colaborará con Enisa para facilitar o acceso a financiamento de proxectos emprendedores vinculados á Rede
A rede universitaria iberoamericana RedEmprendia que preside o profesor da USC Senén Barro Ameneiro subscribiu un convenio marco con Enisa –empresa pública do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo- para facilitar o acceso a financiamento das empresas e proxectos emprendedores vinculados á rede. Con esta alianza, ambas entidades propóñense lograr unha maior utilización do préstamo participativo de Enisa -un instrumento de financiamento a medio camiño entre o préstamo tradicional e o capital risco- entre as empresas científico-investigadoras xurdidas do ámbito universitario. Para conseguilo, RedEmprendia recibirá e analizará os proxectos obxecto dun posible financiamento, e facilitará a Enisa información sobre os mesmos, para permitir aos seus órganos de avaliación e análises unha máis rápida valoración dos mesmos e a conseguinte axilización do proceso e redución dos prazos de concesión dos seus préstamos. "O financiamento é un dos principais factores limitantes para a posta en marcha dunha empresa fortemente innovadora. Máis aínda en momentos de crise económica como os que vivimos. Necesítase financiamento privado, sen dúbida, pero tamén son necesarios os programas públicos como os de ENISA", concluíu Senén Barro. Pola súa parte, o presidente de Enisa, Manuel Valle, destacou “a importancia de apoiar a iniciativa emprendedora da xuventude e, de maneira especial, aquela que xermina no entorno universitario, xa que a actual situación económica e as elevadas taxas de desemprego xuvenil esixen facer un esforzo adicional desde os poderes públicos por impulsar a actividade emprendedora e empresarial”.
A través deste acordo constituirán tamén un grupo de traballo conxunto que formulará propostas de colaboración para a difusión e o desenvolvemento de novas fontes de financiamento adaptadas á realidade das pequenas e medianas empresas. Ademais, colaborarán na detección das necesidades financeiras das PYMEs e na organización de encontros para facilitar o acceso ao financiamento das spin-off universitarias.