Ir o contido principal

Referente internacional en cirurxía veterinaria

Congresistas, no XXV Congreso da Secive celebrado na Facultade de Veterinaria de Lugo
Congresistas, no XXV Congreso da Secive celebrado na Facultade de Veterinaria de Lugo
Máis de 400 especialistas en cirurxía de pequenos e grandes animais analizan na Facultade de Veterinaria da USC as técnicas e tecnoloxías de vangarda e os retos do sector no XXV Congreso da Secive
Lugo

O XXV Congreso Internacional da Sociedade Española de Cirurxía Veterinaria (Secive) converte a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC en epicentro internacional da cirurxía de pequenos e grandes animais. A mellora da formación, o intercambio de coñecemento e o debate e a presentación e posta en común dos últimos achados científicos e dispositivos e das tecnoloxías de vangarda ocupan as xornadas de traballo programadas desde o 30 de xaneiro ata o 1 de febreiro pola Secive na sede universitaria luguesa, onde máis de 400 especialistas en cirurxía animal procedentes de todas as facultades de veterinaria de España, ademais de representantes doutras universidades estranxeiras e un destacado número de empresas abordan os principais retos e perfilan o futuro do sector.

O intenso programa científico artellado no marco deste congreso da Secive, un foro de carácter rotativo polas facultades de Veterinaria españolas que xa recalou en Lugo nas edicións de 1993 e 2005, comezou o xoves coa celebración de 14 obradoiros prácticos no Hospital Clínico Veterinario Rof Codina. Etas sesións, nas que se trataron diversos aspectos ligados ás urxencias cirúrxicas de pequenos animais, así como aos últimos avances en anestesia e cirurxía bovina, terá continuidade ata este sábado cun atractivo panel de presentación de comunicacións e conferencias, a cargo de expertos nacionais e internacionais en cirurxía de pequenos e grandes animais.  

A Facultade de Veterinaria da USC, “a  mellor de España e de referencia no plano internacional”, segundo subliñou a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, na sesión inaugural deste congreso, constitúe tamén “un dos buques insignia do Campus de Lugo”, subliñou Montserrat Valcárcel. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC salientou asemade a fonda ligazón da sede universitaria luguesa co tecido produtivo do sector primario da provincia de Lugo, na que agricultura, gandería e sector forestal son piares básicos da súa economía.

A preocupación pola conservación medioambiental, o desenvolvemento sostible, a economía circular e a mellora do grao de benestar das persoas e tamén dos animais, constitúen, xunto coa calidade da docencia e a investigación de relevo, outros dos obxectivos estratéxicos do Campus Terra da USC, comentou Valcárcel. Este ambicioso proxecto de especialización do Campus de Lugo contará en breve con novas instalacións de vangarda como o son as granxas de vacún levantada pola Deputación Provincial de Lugo na finca Gayoso-Castro, no municipio de Castro de Rei, ou a granxa de porcino impulsada tamén no mesmo emprazamento en colaboración co organismo provincial e Asoporcel, dixo a vicerreitora.

O compromiso da USC e nomeadamente, a través do seu campus de Lugo, coa sociedade que a acolle e a transferencia de coñecemento e tecnoloxía tamén mereceron as loas do presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, quen tamén salientou na súa intervención da apertura do XXV Congreso da Secive o apoio e a intensa colaboración que mantén o organismo provincial coa sede universitaria luguesa.

A contribución das administracións públicas locais ao desenvolvemento do Campus de Lugo tamén mereceron o agradecemento público do presidente do XXV Congreso Internacional da Sociedade Española de Cirurxía Veterinaria, o profesor da USC Antonio González Cantalapiedra, e incluso do presidente da propia Secive, José María Carrillo.