Reflexionan en Filosofía sobre a natureza dos contidos científicos
Conferenciantes de universidades de Arxentina, Inglaterra, Italia, Grecia, República Checa e España participan este xoves 26 e o venres no obradoiro internacional sobre ‘Scientific contents: fictions or abstracs objects?’ que se desenvolverá na Facultade de Filosofía organizado polo grupo de investigación Episteme.
Nas dúas xornadas programadas para este encontro proponse unha reflexión arredor da relación entre os contidos científicos e os obxectos abstractos e a ficción, aplicada a diversos eidos do coñecemento. Cuestións como o enfoque estrutural da información, a importancia desta relación na explicación xenética, a natureza da ficción ou a negociación científica atópanse entre os asuntos sobre os que se debaterá na primeira xornada, que dará comezo ás 9.30 horas.
Xa o venres 27, as intervencións darán paso ao debate sobre a natureza dos modelos científicos, alcance e poder da abstracción na ciencia ou relación entre ficción e denotación.