Ir o contido principal

Reflexionan en Santiago sobre bioclusters e especialización intelixente

A rede de investigación REPENSeI desenvolve esta semana na Facultade de Económicas as súas xornadas anuais, nesta ocasión dedicadas aos bioclusters e á especialización intelixente. Na inauguración do encontro, ademais do catedrático da USC e coordinador do grupo de investigación ICEDE e da Rede REPENSeI, Xavier Vence, interveu Philip Cooke, profesor da Universidade de Cardiff, que explicou algúns temas clave en innovación e crecemento. As xornadas, a celebrar todas as tardes ata o xoves, contemplan charlas que poñen de manifesto casos concretos como o Campus Vida da USC , o Cluster Galego Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) ou Medicon Valley. Relatores As persoas asistentes teñen a oportunidade de escoitar a especialistas de primeira orde como Dominique Foray, profesor da Escola Politécnica Federal de Lausanne e vicepresidente do Grupo de Expertos ‘Knowledge for Growth’, grupo asesor do comisario europeo J. Potocnik, ou Pedro Arenas, vicepresidente de Bioga e responsable de negocio de Genomix, Genetics and Health S.L. REPENSeI A Rede REPENSeI (Regulación, Estratexias e Políticas para a Emerxencia de Novos Sectores Innovadores) configúrase como unha rede interdisciplinar (economía, finanzas, dereito, políticas, xenómica e ecoinnovación) para a investigación sobre os factores determinantes da emerxencia de novas actividades innovadoras e para o deseño de estratexias que contribúan á emerxencia de novos sectores, especialmente os baseados na ciencia. REPENSeI incorpora seis grupos de investigación da USC, líderes na súa disciplina en Galicia, cunha intensa actividade científica e de transferencia de resultados igualmente intensa. Xunto a eles, REPENSeI tamén conta coa colaboración do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2012.