Ir o contido principal

Reflexionan en Santiago e Lugo sobre os retos de ensinar na Sociedade da Información

As V Xornadas AGALI desenvolveranse os días 18 e 19 de xuño

A Asociación Universitaria de Ciencias Sociais e Humanidades Galicia Iberoamérica(AGALI) organiza co apoio da USC as súas quintas xornadas , dedicadas nesta ocasión á ensinanza na Sociedade da Información, que se inaugurarán este xoves 18 ás 9.45 horas na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) de Santiago e que desenvolverá a sesión do venres 19 na de Formación do Profesorado de Lugo. Na organización participan ademais ANTE, ELINCIS e varias redes de investigación galegas e estatais. Os expertos Xosé Manuel Souto González, da Universidade de Valencia, e Joan Santacana i Mestre, de Barcelona, serán os encargados de pronunciar as únicas dúas conferencias que terán lugar no encontro. O primeiro preguntarase na súa intervención –este xoves ás 10.00 horas– qué pode facer o bo profesorado de Xeografía e Historia no ensino básico, mentres que o docente catalán tratará de explicar o venres ás 10.00 en Lugo os retos de educar na xeración app. O resto das xornadas estrutúrase en sesións de comunicacións e catro mesas redondas sobre o aproveitamento didáctico do patrimonio, o mestrado investigador como desafío para o futuro, a confluencia entre as áreas de lingua e literatura e ciencias sociais e as controversias sociocientíficas, coa problemática do lobo en Galicia como caso de estudo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2015.