Reflexionan na USC sobre a incorporación da perspectiva de xénero na docencia universitaria
As tres universidades galegas comezaron hai catro anos a organizar unhas xornadas de debate e reflexión arredor da cuestión de xénero, co obxecto de profundar nesta temática dende unha perspectiva investigadora. A cuarta sesión deste encontro desenvólvese este venres na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC centrada na práctica docente coa finalidade de impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como criterio de excelencia universitaria.
O encontro inaugurouse nun acto no que participaron o reitor da USC, Juan Viaño; o seu homólogo da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Gloria Pena; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois.
Nesta sesión de apertura o reitor compostelán destacou que o desenvolvemento das titulacións universitarias, dentro do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, representa non só a orientación cara a novas metodoloxías de ensino-aprendizaxe, senón tamén a incorporación de enfoques tales como a perspectiva de xénero de forma transversal nas distintas disciplinas. “ Unha formación baseada en competencias que combine a adquisición de coñecementos e destrezas coa formación en actitudes e valores como a igualdade de xénero”, dixo.
A sesión continuou coa conferencia ‘O que a universidade debe ás mulleres’ de Marina Subirats, experta en educación e xénero e profesora emérita de Socioloxía da Universitat Autònoma de Barcelona. Completan o programa tres sesións orais e unha de pósteres para a exposición das 40 comunicacións aceptadas, todas elas sobre os logros na incorporación do enfoque de xénero na Universidade en disciplinas de diversos campos como a economía, a filoloxía, as ciencias da educación, a física, a química ou a astronomía.
de dereita a esquerda, Marta Lois, Gloria Pena, Juan Viaño, Julio Abalde e Susana López (Foto: SERVIMAV-USC)