Ir o contido principal

O refractor Steinheil, xerme do Observatorio Astronómico da USC, cumpre cen anos da súa chegada a Galicia

O refractor Steinheil, no centro da imaxe, atópase en perfecto estado de conservación. Foto: Santi Alvite
O refractor Steinheil, no centro da imaxe, atópase en perfecto estado de conservación. Foto: Santi Alvite
Este instrumento histórico de astronomía, aínda operativo, na actualidade consérvase no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
Santiago de Compostela

O refractor Steinheil adquirido polo profesor Ramón María Aller en Alemaña cumpre cen anos da súa chegada a Galicia, primeiro a Lalín en 1925 e dende 1944 na Universidade de Santiago, onde se conserva en perfectas condicións este instrumento histórico de astronomía que permitiu iniciar en Lalín a investigación astronómica moderna en España no eido das estrelas dobres visuais.

Co gallo deste centenario o refracto foi obxecto dunha visita este sábado na que participaron a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; o xerente da USC, Javier Ferreira Fernández; o coordinador científico do Observatorio Ramón María Aller da USC (OARMA), José Ángel Docobo Durántez; e a vicexerenta xeral técnica, Pilar Martínez García. Durante a visita, a comitiva tivo oportunidade de coñecer tamén a primeira fase das obras de reforma e mellora das instalacións do Observatorio.

Ademais de destacar a importancia do instrumento para a propia existencia do OARMA da USC, “sen el non haberá observatorio” afirmou o profesor Docobo, o conselleiro sinalou que este equipamento é mostra da importancia da ciencia para o desenvolvemento e o progreso. Pechando a quenda de intervención a vicerreitora Pilar Bermejo subliñou a importancia das múltiples dimensións do Observatorio pola súa implicación na investigación, pero tamén na docencia e na divulgación, como proban as importantes cifras de asistencia ás actividades do Observatorio.
 

Cen anos en Galicia

O instrumento chegou a Galicia da man de Ramón María Aller, que para instalalo en Lalín en 1925 tivo que modificar a estrutura do seu Observatorio, substituíndo as dúas torretas que tiña o inmoble por unha cúpula. Unha vez instalado e posto en estación, as prestacións do recén incorporado instrumento permitíronlle ampliar os seus campos de investigación, como observacións a moi diversos astros e fenómenos astronómicos como eclipses de Sol e de Lúa, ocultacións de estrelas pola Lúa, seguimento de manchas solares ou superficies planetarias, entre outros, pero sobre todo poder dedicarse ao estudo das estrelas dobres visuais unha vez que dispuxo do micrómetro de fíos. En anos sucesivos, publicou sobre todo nas Astronomische Nachrichten varias series de medidas micrométricas de estrelas dobres visuais, chegando a calcular en Lalín as primeiras órbitas de estrelas dobres no país. Por todo isto, é considerado o introdutor deste tipo de estudos en España.
 

Chegada a Compostela

Na primavera de 1944 o refractor pasou ao Observatorio universitario emprazado en Santiago, e o seu uso estendeuse non só aos seus principais colaboradores -Vidal Abascal, Ferrín Moreiras, García-Rodeja Fernández, Pensado Iglesias, Cid Palacios, Costa Seoane ou Zaera de Toledo- senón tamén ao estudantado.

O refractor Steinheil foi o principal instrumento de observación, ata que en 2023 o Observatorio, xa denominado dende 1983 Ramón María Aller, puido adquirir a través dunha convocatoria pública o gran telescopio ruso tipo Ritchey- Chretien, con mellores prestacións e dun tamaño acorde co traballo que se estaba a desenvolver. Actualmente, en perfecto estado de conservación, está instalado na Sala Meridiana onde gañou visibilidade e segue estar operativo.

A visita permitiu mostrar a primeira fase das obras de reforma e mellora das instalacións do observatorio
A visita permitiu mostrar a primeira fase das obras de reforma e mellora das instalacións do observatorio
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.07.2025.