Refuxio de biodiversidade no río Mera
O molusco bivalvo de auga doce Margaritifera margaritifera, unha especie crave e bioindicadora da calidade do ecosistema fluvial coñecida xeralmente como mexillón de río, atopa o seu particular refuxio vital e de biodiversidade na estación de O Veral, onde os investigadores do grupo de Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol) da USC, coordinado pola doutora Paz Ondina, preservan 35.000 exemplares dunha especie que está en perigo de extinción e que concentra nas concas fluviais de Galicia o 80% da súa poboación.
A profesora e investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física no Campus de Lugo da USC Paz Ondina informou este martes dos resultados dos diversos proxectos desenvolvidos ao longo da última década a prol da recuperación desta especie de mexillón de río durante a visita realizada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a estación de cría de bivalvos de auga doce habilitada na ribeira do río Mera, en O Veral, ata onde tamén se desprazou a vicerreitora de Coordinación do Campus de lugo, Montserrat Valcárcel, así como a directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén Do Campo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entre outros representantes políticos.
O proxecto de conservación ex situ de M. margaritifera nace como unha actuación dentro do proxecto Life Margal Ulla (2010-2016), coordinado pola DX de Conservación da Natureza (actualmente de Patrimonio Natural) da Consellaría de Medio Ambiente e no que a USC participou como socio beneficiario, a través do grupo de Química Ambiental e de Conservación de Peixes e Moluscos, relatou Ondina, para logo engadir que este proxecto Life tiña como obxectivo non só a recuperación das poboacións da náiade Margaritifera margaritifera e do desmán ibérico na bacía do río , senón tamén a mellora do seu hábitat.
Dende o momento no que finalizou o proxecto Margal Ulla ,a Xunta e a USC asinaron un convenio para evidenciar o seu compromiso co mantemento de actividade posterior ao Life, coa fin de continuar a dificultosa tarefa de cría dunha especie que se atopa en perigo de extinción, lembrou a coordinadora do grupo CoPeMol da USC. Paz Ondina salientou asemade que a estación de cría de bivalvos de auga doce de O Veral é ata o momento a única da Península Ibérica. Este carácter pioneiro levouna tamén a ser a primeira en comezar como un dificultoso plan piloto que acumula xa un importante recorrido experimental que conta neste momento cuns 35.000 exemplares de mexillón de río nas súas instalacións.
O mexillón de río Margaritifera margaritifera “é unha xoia descoñecida dos ríos galegos”, salientou Ángeles Vázquez, ao tempo que recordou a importante función que cumpre este bivalvo de agua doce como biofiltrador, extraendo da columna de auga algas, bacterias e partículas de materia orgánica. Nese senso, engadiu a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dado que o declive desta especie ten consecuencias directas para o ecosistema dos ríos, a Xunta aposta por incrementar as poboacións de mexillón de río para mellorar a calidade das augas fluviais galegas e as poboacións piscícolas que habitan nas mesmas.
Convenio
Ondina aproveitou a presenza de Ángeles Vázquez para poñer en valor a colaboración sostida que mantén a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coa estación de O Veral e que na actualidade se traduce nun convenio renovado en outubro pasado e vixente ata 2023, a través do que o departamento autonómico achega 85.000 euros, un financiamento que contribúe esencialmente á contratación de persoal indispensable para o mantemento dunhas instalacións dunha estación, cuxo obxectivo próximo pasa por ampliar o cultivo da especie a outras bacías de Galicia, ademais de manterse como referente para o resto da Península.
O grupo de investigación de Conservación de Peixes e Moluscos da USC está implicado na actualidade nun proxecto da Fundación Biodiversidad (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico), así como nunha acción COST (Conservation of freshwater mussels: a pan-European approach) para as que tamén contou co apoio explícito da Consellería de Medio Ambiente. Esta colaboracións, subliña Ondina, poñen en valor a importancia de sumar sinerxías entre organismos públicos, compartindo con éxito e de xeito exemplar recursos e transferindo os resultados da investigación e os coñecementos aos técnicos responsables da xestión da conservación de hábitats e especies.