ReGaLis conecta empresas e investigadores para revalorizar a biomasa forestal e o monte coa obtención de novos produtos

Cinco grupos de investigación da USC adheridos á Rede Galega de Líquidos Iónicos (ReGaLis) abordaron este xoves en Santiago as posibilidades que ofrece a biomasa forestal como fonte de produtos naturais, no sector da alimentación, biomateriais, téxtil, construción ou no das enerxías limpas, no marco da xornada ‘ Biomasa forestal como fonte de produtos máis sostibles’, un encontro no que tamén participaron outros investigadores do SUG e de centros científicos galegos e internacionais, ademais de diversas empresas punteiras neste ámbito, que serviu para analizar e debater sobre as vantaxes e múltiples posibilidaddes que depara o emprego de líquidos iónicos para acadar este tipo de produtos máis sostibles.
A posta en valor da biomasa forestal e, por conseguinte, do monte galego, a través da obtención de produtos novidosos que empregan os líquidos iónicos como proceso natural para disolver a madeira e obter derivados da celulosa e da lignina (polímero que representa o 30% de todas as plantas) centra os obxectivos desta xornada de traballo promovida por ReGalis. O coordinador deste encontro, o profesor da USC Héctor Rodríguez, salientou neste senso que un dos cometidos desta actividade é o de coñecer o que se está a facer no mundo para revalorizar a biomasa forestal e a madeira, en xeral, alén da súa transformación en celulosas ou peles, que son os procesos máis coñecidos.
Biomateriais, illantes, fertilizantes, fibras téxtiles, absorbentes, resinas naturais, compostos alimenticios, materiais para a construción ou aglomerantes son algúns dos produtos que se poden obter da madeira utilizando procesos químicos con líquidos iónicos respectuosos co medio ambiente, engadiu este investigador, que defendeu os novos procesos de transformación da madeira que permiten obter produtos naturais que poden substituír aos derivados do petróleo para elaborar biocombustibles, plásticos, tecidos, ou ata compostos alimenticios.
Alén das achegas realizadas polos investigadores, empresas galegas pioneiras neste eido, como o son Betanzos HB, Ence, Foresa e Xogoaza Pinaster presentaron neste foro as súas respectivas experiencias e procesos que están a seguir para obter produtos que se usan no sector da automoción, construción, alimentación ou sanitarios. Asemade, a xornada de ReGaLis contou tamén coas achegas do investigador Herbert Sixta, da Aalto University de Finlandia, e moi vencellado ao proxecto Ioncell, no que leva unha década traballando para revolucionar a industria téxtil, e do profesor de Química da Queen’s University de Beltfast, John Holbrey, recoñecido a nivel mundial.