O novo regulamento europeo sobre fertilizantes esperta “inquedanzas”, constata un foro da SECH en Lugo
O novo regulamento europeo de fertilizantes (UE 2019/1009) que está a entrar en vigor progresivamente e supón un cambio moi importante respecto ao regulamento anterior (CE 2003/2003) ao incluír unha ampla gama de produtos que ata o de agora quedaban fora da lexislación europea depara “inquedanzas” no sector, segundo constatan os investigadores e representantes empresariais que están a participar nas xornadas dos grupos de fertilización, substratos, amorodo e outros froitos vermellos que se están a celebrar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC.
As principais novidades contempladas no futuro regulamento europeo sobre fertilizantes apuntadas pola conselleira técnica da Subdirección xeral de Medios de Produción Agrícolas e Oficina Española de Variedades Vexetais e xefa da área de Fertilizantes e Produción Integrada no Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA), María Luisa Ballesteros Jareño, na xornada inaugural deste foro da SECH, no que participan preto de medio centenar de investigadores españois e iberoamericanos, ademais de representantes de empresas e asociacións de produtores do sector, están relacionadas co apartado de bioestimulantes, o uso de microorganismos ou a incorporación do sodio coma macronutrinte.
As controversias derivadas da futura normativa, da que, segundo adiantou Ballesteros, podería publicarse un borrador cara a finais deste ano, están relacionadas coas avaliacións de conformidade que esixe a norma europea. De feito, neste foro da SECH constatouse como os produtores españois de dubida sobre a posibilidade de que se introduza a esixencia de rexistro dos seus produtos, un requirimento que na actualidade só afecta aos fertilizantes de base orgánica.
Alén das cuestións normativas, o programa destas xornadas dos grupos de fertilización, substratos, amorodo e outros froitos vermellos da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas, en cuxa organización toman parte os profesores da USC na EPS de Enxeñaría Adolfo López Fabal e Elvira López Mosquera, afondou sobre diferentes aspectos da fertilización. Así, a través de diversas comunicacións orais e pósteres presentados, os congresistas afondaron sobre o diagnóstico de fertilidade do cultivo para o control eficiente da aplicación de fertilizantes, con técnicas de análise de tecidos, de sabia ou mediante medidas non destrutivas baseadas en diferentes técnicas de medición de radiacións (transmitancia, refectancia ou fluorescencia). Outra das temáticas abordadas neste foro estivo centrada na redución dos impactos ambientais da fertilización, tales como son a perda de nitratos ou o incremento de salinidade dos solos.
Visitas técnicas
A xornada de apertura deste foro da SCEH incluíu visitas técnicas ás instalacións da fábrica de fertilizante orgánico granulado a partir de esterco de porco de Aviporto, en Portomarín, e ás instalacións e viñedos da adega Regina Viarum . O responsable de Aviporto explicou aos asistentes o proceso produtivo e as características do produto fertilizante, que puxo como exemplo de economía circular, dado que é o resultado de transformar un residuo molesto nun produto de valor que conta con alta demanda en horticultura.
A técnica de viticultura de Regina Viarum aproveitou a visita dos investigadores á Ribeira Sacra para explicar as características edafoclimáticas da zona, ao tempo que tamén afondou sobre as particularidades do cultivo en alta pendente e en bancais, ademais de tratar cuestións relativas á superficie territorial que abrangue a denominación de orixe e as características dos seus viños.
As visitas técnicas continuarán na tarde deste xoves con desprazamentos á explotación de arandos CoolBerries, en Cerdido (A Coruña), así como ás instalacións da firma luguesa Nuevos Jardines, nas que poderán comprobar como se desenvolven xardíns verticais. A investigadora da Universidade de Barcelona M. Isabel Trillas e Guillem Segarra, abriu a quenda matinal de intervencións cunha sesión na que se falou sobre os bioestimulantes microbianos no marco do Regulamento 2019/1009.
O programa da derradeira sesión deste foro da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas comezará este venres co relatorio ‘Agricultura urbana e vertical: ¿O futuro da produción de alimentos?’, a cargo do enxeñeiro agrónomo Juan Pardo, responsable de Innovación e de Invernadoiros en Novagric. O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidirá o acto de clausura desta xornada científica.