Ir o contido principal

O reitor clausura o aniversario da Facultade de Ciencias e do Colexio Universitario de Lugo loubando o crecemento experimentado polo campus

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, clausurou este venres o programa de actos da celebración do XV aniversario da fundación da Facultade de Ciencias, que coincide cos 25 anos de inauguración do edificio que ocupa actualmente e os 35 da creación do Colexio Universitario de Lugo.
Senén Barro fixo referencia ás orixes do Colexio Universitario, no ano 1971/72, que naceu como fórmula de descentralización das vellas facultades, que naqueles momentos están saturadas de alumnos. “Daquela acción xurdiron campus como o de Lugo, do que nos sentimos todos orgullosos, xa que del hai que dicir que está ben conformado e é magnífico”, engadiu.
Destacou tamén o reitor o traballo realizado durante estes anos por todos os axentes que apoiaron o crecemento do Campus de Lugo, en especial o Padroado Virxe dos Ollos Grandes, que impulsou o seu nacemento, composto polo Concello de Lugo, a Deputación e as entidades financeiras hoxe conformadas como Caixa Galicia. Así mesmo tivo verbas de agradecemento para todas as persoas “que aportaron o seu esforzo e traballo” para a súa actual consolidación.
Durante a clausura, o reitor estivo acompañado polo director xeral de Universidades, José Ramón Leis Fidalgo; o subdelegado do Goberno, Jesús Otero; o concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, e o decano do centro, Francisco Fraga López.
Na súa intervención, Leis Fidalgo manifestou o seu orgullo polo crecemento experimentado polo campus lucense mentres que Jesús Otero agradeceu “o esforzo da USC por dotar os centros de Lugo”.
Mentres José Rábade reiterou o apoio do Concello ao desenvolvemento da universidade “agora e sempre” o decano solicitou novamente a implantación de novas titulacións e ciclos para a consolidación da facultade.
ProgramaO ciclo de conferencias, que se iniciou o pasado luns, rematou este venres coa intervención de Manuel Bao Iglesias, catedrático de Enxeñaría Química da USC e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias, que falou do papel do enxeñeiro químico no deseño e desenvolvemento dun proxecto industrial.
Ao longo da semana, nos relatorios ofrecéronse diferentes perspectivas das ciencias, con intervencións técnicas e outras máis divulgativas. Dentro do programa figuraban tamén varias conferencias de especialistas da Facultade de Humanidades, como Jesús Varela Zapata, Ángeles Rodríguez Fontela, Claudio Rodríguez Fer e Antonio Rodríguez Colmenero.
A finalidade deste programa é, como salientou o decano na inauguración, “que as facultades sexan non só centros de ensino, senón lugares de desenvolvemento cultural para toda a sociedade en xeral”.
Na clausura fíxose tamén referencia ás dúas xornadas de física e química recreativa, que se celebraron polas tardes e que acadaron un importante éxito de público, con preto de 150 persoas en cada unha delas. Entre os asistentes estiveron tanto alumnos universitarios como estudantes de centros de ensino de Primaria e Secundaria da cidade.
A primeira destas dúas sesións estivo a cargo de Miguel Ángel Cabrerizo Vílchez, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Granada e Premio Internacional da Comunidade Económica Europea en Física Recreativa. A segunda foi conducida por Julio Seijas Vázquez e José Crecente Campo, profesor e investigador, respectivamente, da Facultade de Ciencias lucense.
O decano anunciou que xornadas similares de física e química recreativa se levarán aos centros de ensino de Primaria e Secundaria interesados como un mecanismo máis “para atraer a futuros alumnos ao noso centro”, dixo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2007.