Ir o contido principal

O reitor impúxolle a insignia de ouro da USC á profesora María Luisa Sobrino Manzanares

Profesores xubilados da Facultade recibiron a insignia do centro. Foto: Santi Alvite
Profesores xubilados da Facultade recibiron a insignia do centro. Foto: Santi Alvite
A Facultade de Xeografía Historia celebrou a entrega das medallas ao profesorado que se xubila este ano

A profesora María Luisa Sobrino Manzanares recibiu este venres 25 a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, recoñecemento que concede o reitor a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución universitaria, ben por razón da duración ou continuidade destes ou pola súa especial relevancia ou significación. O acto de imposición tivo lugar no Paraninfo da Universidade no marco da cerimonia de entrega das medallas da Facultade de Xeografía e Historia ao persoal xubilado do centro. O director do Departamento de Historia da Arte, Enrique Fernández Castiñeiras, solicitou este galardón para María Luisa Sobrino, destacando os corenta anos de servizo á USC da profesora e que foi a primeira catedrática deste departamento e unha das primeiras mulleres en estudos de historia da arte nas universidades españolas. Na súa petición, Fernández Castiñeiras, salientou o traballo de Sobrino na posta en valor da Arte Contemporánea no ámbito da docencia universitaria, coa publicación de numerosos e estudos e artigos. María Luisa Sobrino foi comisaria de exposicións de pintores como Maside, Seoane, Colmeiro, Laxeiro, ou Arturo Souto e escultores como Bonome, Xosé Cid, Acisclo Manzano, Basallo ou Francisco Leiro e creou en 2006 o Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea. Tamén destaca na súa traxectoria as catalogacións de arte e os proxectos de investigación que dirixiu e é membro do Consello da Cultura Galega no que dirixe a Sección de Artes Visuais Contemporáneas e do padroado do Centro Galego de Arte Contemporáneo. Na mesma cerimonia recoñeceuse coas insignias da Facultade, o traballo realizado polo persoal do centro que se xubila este ano, os profesores Luis Guitián Rivera e Rafael Martínez Conde, do Departamento de Xeografía; María Luisa Sobrino Manzanares, do Departamento de Historia da Arte; Isaura Varela, do Departamento de Historia Contemporánea; e Ángeles Novoa Santos, do Departamento de Historia I.

O reitor impúxolle a insignia de ouro á profesora María Luisa Sobrino. Foto: Santi Alvite O reitor presidiu a cerimonia na Facultade de Xeografía e Historia. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2014.