Ir o contido principal

O reitor Juan Casares presenta a USC como “unha institución xeradora de confianza”

O acto de San Tomé comezou gardando un minuto de silencio en memoria da profesora María Teresa Herrera
O acto de San Tomé comezou gardando un minuto de silencio en memoria da profesora María Teresa Herrera
A profesora Inmaculada Cárdenas defende o carácter pedagóxico da música na educación e di que “a escola debe responder á necesidade da experiencia musical”

No contexto actual “de tantas incertezas” o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, subliñou o carácter da USC como o dunha “institución xeradora de confianza”, un valor que “as enquisas de carácter sociolóxico que se veñen realizando nos últimos anos reafirman a nosa razón de ser, a nosa singularidade e a necesidade de maternos tal e como vimos sendo e tal e como somos”. Estas ideas foron o punto de inicio do discurso pronunciado polo reitor Juan Casares este luns 28 na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo co gallo da conmemoración da festividade de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade, un acto que comezou gardando un minuto de silencio polo pasamento de María Teresa Herrera López, profesora do Departamento de Fisioloxía Vexetal da USC.

“A confianza é a base de calquera relación entre as persoas”, incidiu Casares no acto académico de San Tomé de Aquino, no que engadiu que esta cualidade “se xera sobre unha reputación, o que require esforzos continuos e crecentes nun longo período de tempo, aínda que pode perderse se este esforzo diminúe no seu impulso ou chega a abandonarse”. Mostra desta aspiración da institución académica galega, o reitor subliñou que a compostelá sitúase en catro dos seis rankings nacionais e internacionais máis importantes, entre os postos 303 e 500 das mellores universidades. Estes indicadores mostran, en opinión do reitor, que a “nosa Universidade é eficaz e eficiente e que, se dispuxeramos de orzamentos de contía razoable poderiamos aspirar a estar entre as mellores do noso contorno europeo”. Concluíu Casares, poñendo en dúbida o tópico que asocia as institucións universitarias coa idea de “torres de marfil”, ao sinalar que “a miña visión da Universidade é a dunha torre, si; pero a torre dun faro: a da universidade guiando á sociedade da que forma parte e transmitindo a súa luz ao longo e ao ancho do mundo. Luz que non debe preservarse a uns poucos elixidos”. Lección maxistral A catedrática de escola universitaria da USC e profesora da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Inmaculada Cárdenas Serván, defendeu tamén o carácter pedagóxico da música nos procesos educativos nunha lección maxistral desenvolvida baixo o título ‘A pedagoxía de creación musical (PCM) e o seu desenvolvemento no Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS). Unha pedagoxía de investigación e creación sonora con soportes nas músicas alternativas (electroacústica e arte sonora) e as súas aplicacións na escola’. “A proposta da Pedagoxía de Creación Musical implica un cambio de mentalidade no profesor de musica, nos alumnos e na sociedade”, salienta Cárdenas Serván, para quen “a realidade actual demostra que moitos alumnos oen cos ollos e non cos oídos, unha banalización da escoita que nos fala de como empregamos os oídos na nosa sociedade”. Daquela, engade Cárdenas, “formar mestres en pedagoxía musical é educar sobre o que escoitamos e o que non”, ao tempo que precisa que “cando se practica a Pedagoxía de Creación Musical o que queda claro é que todos os participantes dos grupo teñen o mesmo status”. O acto académico conmemorativo da festividade de San Tomé de Aquino, patrón das universidades, congregou na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo unha nutrida representación de autoridades académicas e científicas, ao presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira, ademais de numerosos responsables e cargos políticos locais, provinciais e autonómicos, ademais doutras recoñecidas personalidades da sociedade galega. A profesora Inmaculada Cárdenas pronunciou a lección maxistral Asistiu á sesión na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo unha nutrida representación de autoridades académicas, políticas e sociais

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.01.2013.