O reitor Juan Casares, novo presidente da comisión de internacionalización e cooperación da CRUE
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, presidirá a partir de agora a Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas (CICUE) da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE). Así o decidiron os reitores reunidos esta semana en Salamanca no marco da súa asemblea xeral.
A CICUE ten como principal finalidade liderar e coordinar as actuacións das universidades en materia de internacionalización e cooperación ao desenvolvemento co obxecto de potenciar unha colaboración máis estreita entre elas. Na actualidade o traballo estrutúrase en tres comisións específicas de vital importancia hoxe para as universidades como son a internacionalización, a cooperación universitaria ao desenvolvemento e a mobilidade.
O reitor compostelán continuará coa tarefa de funcionar como foro estable de debate e establecer liñas comúns de actuación encamiñadas a representar os intereses da comisión ante as diversas institucións, obter maiores recursos para o desenvolvemento de actividades de ámbito internacional, formular propostas e recomendacións xerais ante os organismos competentes e fomentar a internacionalización e a cooperación ao desenvolvemento das Universidades españolas.
A comisión, que ata agora presidía o reitor da UNED, Juan Gimeno Ullastres, encárgase tamén de difundir no ámbito universitario información relacionada particularmente coa organización e xestión das actividades inherentes ao ámbito de traballo e cos organismos e institucións, públicas e privadas, españolas e estranxeiras que desenvolven a súa actividade no ámbito internacional.