Ir o contido principal

O reitor Juan Casares presidiu a inauguración dunhas xornadas sobre a emerxencia da economía da colaboración

Alfons Cornellá, Juan Casares e Mª Teresa Cancelo na inauguración da xornada. Foto Alfonso-Servimav USC
Alfons Cornellá, Juan Casares e Mª Teresa Cancelo na inauguración da xornada. Foto Alfonso-Servimav USC
Organizadas pola Feuga, trata a emerxencia da economía da colaboración

O reitor Juan Casares presidiu este martes 5 na sede de Feuga (r/ Lopez Gómez de Marzoa, s/n) a xornada ‘O futuro é co-‘ sobre a emerxencia da economía da colaboración. Na presentación, interviñeron xunto ao reitor a directora xeral de BIC Galicia, Mª Teresa Cancelo, e o fundador e presidente da empresa de servizos de innovación Infonomía, Alfons Cornellá, que é o relator desta xornada. Como argumentou o reitor, a sociedade afronta na actualidade un contexto no que o dito “a unión fai a forza” cobra un novo significado esixindo a súa posta ao servizo da sociedade co principal obxectivo de servir de estímulo a unha estrutura económica que reclama novas propostas. O reitor, actual presidente de Feuga, destacou a función orixinaria deste organismo no que a colaboración entre as universidades e empresas se presenta como unha vía para que estas últimas e con independencia do seu tamaño e complexidade puidesen transcenderse a si mesmas. Esta confluencia, engadiu Casares, poderá posibilitar a creación dun espazo de cooperación común no que as experiencias e avances no eido coñecemento poidan ser explotados ao servizo do progreso en Galicia. Estas xornadas son unha iniciativa dirixida a directivos e executivos de calquera sector que crean na innovación e na colaboración como medio para crear novo valor para os seus clientes. O programa esténdese ao longo de todo o día para analizar como a combinación de activos de empresas de diferentes sectores poden crear novo valor para os clientes a través de solucións a problemas ata o momento non atopados, ou do aproveitamento de oportunidades non explotadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2012.