O reitor Juan Casares recibiu ao seu homólogo da Universidade de Chile

O reitor Juan Casares recibiu este martes en San Xerome ao seu homólogo da Universidade de Chile, Víctor Pérez Vera, co obxecto de estudar posible vías de colaboración ao abeiro do acordo marco que ambas institucións teñen asinado. Programas de mobilidade e intercambio de persoal docente e investigador e de estudantes, así como desenvolvemento conxunto de liñas de investigación, dirección de teses e publicacións colectivas son algúns dos eidos nos que a USC e a Universidade de Chile aspiran a desenvolver proxectos conxuntos. Neste senso Víctor Pérez Vera mantivo encontros ademais de co reitor cos vicerreitores de Investigación e de Estudantes de cara a definir proxectos concretos que desenvolvan o acordo marco que dende 2009 vincula a ambas universidades.