O reitor Juan Casares recibiu ao seu homólogo da Universidade Veracruzana de México

O reitor Juan Casares recibiu este xoves en San Xerome ao seu homólogo da Universidade Veracruzana de México, Raúl Arias Lovillo, de visita este días á Universidade compostelá. Acompañábao a directora de Relacións Internacionais da institución mexicana, o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet, e a profesora da USC, Milagros Otero Parga. O encontro serviu para avaliar as actuais liñas de colaboración que ambas institucións manteñen e avaliar a posibilidade ampliar este marco de cooperación no futuro, tanto no ámbito da docencia como no do persoal investigador. A institución mexicana iniciou a súa existencia formal en 1944. Na actualidade atende a matrícula de preto de 60.000 estudantes, en 150 programas de licenciatura e preto de 70 de posgrao, e doutros máis de 12.000 alumnos/as en programas de formación non formal a través dos obradoiros libres de arte, centros de idiomas, autoacceso, de iniciación musical infantil, do Departamento de Linguas Estranxeiras, da Escola para Estudantes Estranxeiros e do centro de educación continua.