Ir o contido principal

O reitor Juan Casares recibiu aos titulados da USC situados entre os cen mellores expedientes do exame MIR

O reitor Juan Casares recibiu aos titulados da USC situados entre os cen mellores expedientes do exame MIR
O reitor Juan Casares recibiu aos titulados da USC situados entre os cen mellores expedientes do exame MIR
Xunto con Valencia e Central de Barcelona, a USC sitúase no primeiro posto en resultados da proba MIR

O Colexio de San Xerome abriu este martes as súas portas aos licenciados/as en Medicina da USC clasificados entre os 100 mellores expedientes na convocatoria do exame MIR deste ano. O reitor Juan Casares recibiunos nun acto no Salón de Graos da Reitoría acompañado polo equipo decanal da Facultade de Medicina, co profesor Juan Gestal ao fronte. Este ano foron 218 os estudantes da USC que se presentaron á proba. Deles, a alumna Alba González Rodríguez rematou no posto número 13, o que lle facilitará en gran medida o acceso á formación de especialista que desexe en España. A ela, da USC séguenlle Sheila Torrado González no número 34, Elisa Pose Méndez no 40, Adrián Pablo Amado Gutiérrez (44), Sara Tato Varela (54), Uxía Blanco Sampedro (61), Guillermo Ventosa Fernández (64), Emilio Francisco Rodríguez Castro (71), Iria Alejandra López Dequidt (91) e Noelia Curros Mata (92). Os resultados colectados sitúan ao centro compostelán á par das universidades de Valencia e a Central de Barcelona, con outros tantos alumnos neste ranking de honra, ao tempo que supera o rexistro do pasado ano cando seis dos seus estudantes xa figuraron entre os cen primeiros, situando á USC como a terceira universidade de España con mellores resultados . O reitor cualificou a xornada como “un día grande” no que se pon de manifesto que “cumprimos de xeito eficiente os cometidos que a sociedade nos impón”. Casares destacou a magnitude das probas MIR, ás que nesta edición concorreron máis de 13.000 licenciados/as en Medicina de toda España para preto de 7.000 prazas. Entre os novos médicos internos residentes atópanse ademais dous premios extraordinarios do centro, mostra de que “estamos a facer as cousas como hai que facelas” sinalou o decano Juan Gestal, representando “un estímulo para seguir traballando nesta liña”. Como mostra do valor engadido dos resultados acadados, o decano lembrou que no MIR os coñecementos representan unha porcentaxe moi superior á do expediente académico ao longo da etapa universitaria o que evidencia na súa opinión que os licenciados compostelán “están ben formados”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2012.