O reitor Juan Viaño participa en Lugo na reunión da comisión de seguimento do convenio entre a USC e a Fundación Rof Codina
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, asistiu este mércores a unha reunión da comisión de seguimento do convenio entre a USC e a Fundación Rof Codina, unha sesión celebrada no campus de Lugo e presidida polo Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. O alcalde de Lugo, José López Orozco; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; o director xerente do hospital Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino; o director médico do centro, Antonio González Cantalapiedra, así como o decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, Germán Santamarina.
Unha vez formalizada a incorporación dos novos membros da comisión de seguimento, a presentación e posta en común dos datos referidos á actividade docente, asistencial e investigadora desenvolvida no hospital universitario veterinario Rof Codina ao longo do pasado curso 2013-2014 foi o primeiro dos temas tratados neste encontro, no que tamén se abordou a situación orzamentaria e a adquisición e/ou habilitación de instalacións provisionais para a realización de actividades de docencia práctica. O cadro de persoal facultativo e docente do Hospital Rof Codina, a programación de prácticas para o novo curso académico, a cesión de vías á Deputación Provincial de Lugo, o Cebiovet, a información relativa aos convenios asinados coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as últimas novidades da Asociación de Hospitais Veterinarios Universitarios de España (AHVUE), ademais doutras cuestións de trámite, completaron os temas abordados nesta xuntanza de carácter ordinario. O director xerente do hospital veterinario universitario Rof Codina, Luis Felipe De la Cruz Palomino, informou nesta xuntanza aos membros da comisión de seguimento do esforzo orzamentario feito na realización de pequenas obras nas instalacións do hospital veterinario, así como na compra de casetas de obra acondicionadas para acubillar pequenos animais durante o período que duren as obras de construción das instalacións destinadas a acubillar o Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet), uns traballos que previsiblemente comezarán a próxima semana ou a mediados de setembro e que deben estar rematados en decembro de 2015. O aluguer de dúas granxas alleas á USC para que os estudantes de Veterinaria poidan desenvolver as prácticas de reprodución e obstetricia, así como o deseño da programación anual de prácticas para estudantes foron outros dos asuntos dos que informou De la Cruz Palomino. O director xerente do hospital Rof Codina sinalou asemade que o proceso de cambios, transformacións e melloras no que está inmerso o centro hospitalario universitario lugués antóllase pouco menos que imprescindible para que a Facultade de Veterinaria de Lugo poida renovar en 2018 a súa homologación europea.