O reitor Juan Viaño preside este venres en Lugo a reunión do xurado do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O reitor da USC, Juan Viaño, preside este venres, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo, a reunión do xurado do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado conxuntamente pola institución académica compostelá e o grupo empresarial Aresa, dotado con 10.000 euros e orientado a recoñecer persoas, empresas ou institucións salientables pola súa contribución á mellora do ámbito rural de Galicia.
O xurado encargado de fallar esta nova edición do Premio Aresa etará formado o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidade de León, Juan Francisco García Marín; o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema. A decisión do xurado, que deberá decantarse por unha das 14 candidaturas presentadas, farase pública a partir das 13.00 horas, no marco dunha rolda de prensa que se celebrará na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo.
As candidaturas presentadas ao XVIII Premio Aresa son dispares e entre elas figuran empresas de recente creación, como Kalekói, Vinagres do Ribeiro ou Hortícolas Javier Miranda; empresas xa consolidadas, como Adega Algueira e Finca Villadangos; consellos reguladores, como o Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia ou o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega); asociacións, o Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel).
Concorren tamén a esta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural dous traballos de I+D+i, un deles presentado por Nelson Pérez Guerra e José Manuel Domínguez González, profesores do departamento de Química Analítica e Alimentaria da Facultade de Ciencias de Ourense (UVigo), e titulado ‘Optimización do proceso de fermentación de mostos de uvas de mesa brancas e tintas con gránulos de kéfir para a produción de bebidas funcionais’, e outro, ‘Elaboración de aceites monovarietais de sementes de vide, procedentes de residuos vitivinícolas industriais das variedades brancas de albariño, caíño branco e loureira’, proposto polo Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC); a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e unha última candidatura que solicita o anonimato da súa participación.
Na súa análise, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren emprego e valor engadido no sector; á súa viabilidade económica; á creación de postos de traballo, especialmente no rural; á posta en valor dos produtos da terra; á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais, que teñan potencial de desenvolvemento; á innovación de produtos e aos seus métodos produtivos.
Todo un conxunto de características que fan que o galardón premie cada ano a iniciativa que mellor contribúa a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que viven e traballan no medio rural galego.