Ir o contido principal

O reitor Juan Viaño recibiu os tres estudantes da Universidade de Daca que estudan español na USC cunha bolsa da Cátedra Inditex

De esquerda á dereita: Shakhaowat Hossain, Md Sariful Islam, Juan Viaño e Mirza Wasfi Jabber
De esquerda á dereita: Shakhaowat Hossain, Md Sariful Islam, Juan Viaño e Mirza Wasfi Jabber

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, recibiu este venres no seu despacho de San Xerome os tres alumnos da Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas na Universidade de Daca (Bangladés) que, tras un rigoroso proceso de selección, acadaron unha bolsa para facer un curso de verán de español na institución docente compostelá. Shakhaowat Hossain, Md Sariful Islam e Mirza Wasfi Jabber visitaron a Reitoría acompañados do subdirector da cátedra e próximo director, o profesor da USC Santiago Fernández Mosquera; da profesora da USC e futura subdirectora a partir do vindeiro curso, Victoria Vázquez Rozas; e da coordinadora da Cátedra, Amparo Porta. A Cátedra Inditex, que na actualidade dirixe o profesor da UDC Mauro Fernández, iniciou as súas actividades en 2011 grazas a un convenio asinado entre a multinacional téxtil galega e as Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña en España e a de Daca en Bangladés. Entre outros obxectivos, a cátedra promove o intercambio e a produción científica no seu ámbito de estudo así como a mobilidade de estudantes e docentes entre as institucións universitarias. No seu primeiro ano académico o número de estudantes nos cursos de español foi de 123, una cifra que se foi incrementando ao longo dos seguintes ata chegar aos 230 no de 2014-2015 que concluíu este pasado mes de maio. En total, participaron nestes cursos 958 persoas. Cabe sinalar que a porcentaxe de alumnas matriculadas foi ascendendo progresivamente –do 21% o primeiro ano ao 44% deste último–, conformando una ratio de 36% que supera o promedio de matriculadas na propia Universidade de Dhaka. Dende o verán de 2013, entre os mellores alumnos de cada promoción faise una selección de tres estudantes para que viaxen a España a realizar o curso de verán en Santiago de Compostela. A bolsa da que gozan os tres estudantes que hoxe recibiu o Reitor –dous graduados en Desenvolvemento e un en Socioloxía– inclúe a viaxe, o curso, o aloxamento, a manutención e as actividades que a maiores contempla o curso, ademais dunha cantidade de diñeiro en metálico. Actividade da cátedra Dentro do marco das actividades docentes, a cátedra asinou ata agora dous grandes convenios de colaboración. Un co Instituto Cervantes para administrar o exame DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira), de maneira que a cátedra é o único centro de exame en Bangladés para obter este diploma, no que xa participaron 44 estudantes nestes últimos dous anos. O outro acordo asinouse co Ministerio de Asuntos Exteriores do Goberno de Bangladés para dar clases de español ao alumnado da Escola Diplomática dese país. Ademais de actividades de promoción da lingua e cultura españolas –moitas delas para o público en xeral–, a cátedra ofrece ao seu alumnado seminarios monográficos de cultura (xeografía de Latinoamérica, historia de España, etc.), ciclos de cinema, concursos e conferencias agrupadas baixo o título xenérico ‘Bangladés fala español’ no que distintas persoas de España e países latinoamericanos contan a súa experiencia no país asiático. De esquerda á dereita: Md Sariful Islam, Juan Viaño, Shakhaowat Hossain, Mirza Wasfi Jabber e Santiago Fernández Mosquera, Amparo Porta, Victoria Vázquez Rozas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2015.