Ir o contido principal

O reitor loou o esforzo dos deportistas de alto nivel da USC ao “manter vivo o deporte” na súa etapa universitaria

Deportistas e adestradores posan xunto a López, Lorenzo e Magán. Foto: Santi Alvite
Deportistas e adestradores posan xunto a López, Lorenzo e Magán. Foto: Santi Alvite
Atletismo, halterofilia ou taekwondo foron algunhas das disciplinas representadas nunha recepción na que se deron cita 19 deportistas e tres adestradores
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor Antonio López recibiu este luns a unha representación integrada por 19 deportistas e tres adestradores universitarios que alcanzaron algunha medalla en campionatos federados ou universitarios nacionais disputados este ano, así como aqueles/as que cursan estudos na USC e que están considerados de alto nivel. O encontro serviu para trasladarlles o agradecemento da institución universitaria polo seu compromiso coa educación e coa práctica deportiva no plano competitivo.

O reitor quixo salientar o elevado esforzo realizado por parte destes deportistas ao compaxinar a vida académica coa práctica deportiva. “Felicítovos por manter vivo o deporte durante a vosa etapa universitaria. Compaxinar estas dúas facetas é moi esixente, así que sentímonos moi orgullosos de vós polo que facedes”, afirmou Antonio López. O reitor aproveitou o acto para departir cos deportistas e poder escoitar as súas suxestións e demandas. Xunto a López, tamén estivo presente a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, quen quixo subliñar que a USC está traballando en diferentes liñas para incentivar e facilitar a práctica do deporte universitario, así como en visibilizar aínda máis a súa oferta deportiva.

Na aulas da USC, entre medallistas do pasado ano e deportistas de alto nivel, atópanse preto de medio centenar de universitarios e universitarias que compaxinan a faceta académica coa competición deportiva. Entre outras disciplinas representadas no acto atopábanse atletismo, halterofilia, taekwondo, iudo, xadrez ou kárate. Na recepción tamén tomou parte Miguel Magán Sarandeses, responsable do Servizo de Deportes da USC.

O reitor quixo salientar o elevado esforzo realizado por parte destes deportistas ao compaxinar o vida académica cos práctica deportiva. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.