O reitor preséntalle á comunidade universitaria as actuacións e proxectos concretos de Campus Vida
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, presentaralle á comunidade universitaria este mércores 14, ás 12:00 horas na Aula Magna de Bioloxía, os detalles das actuacións construtivas, urbanísticas e de novas estruturas e capacidades programadas co horizonte en 2015 do proxecto Campus Vida que acadou a semana pasada o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional.
En Lugo poderase seguir a presentación por videoconferencia na Sala de Xuntas da Vicexerencia, no Edificio Biblioteca Intercentros.
Campus VidaCampus Vida supón un redeseño do campus máis emblemático da USC, o Sur, e que constituíu na primeira metade do pasado século a aposta máis clara da USC para camiñar cara a unha universidade moderna e con impacto internacional. Con Campus Vida contémplase a creación de novos centros docentes no ámbito das ciencias da saúde; unha Rede de Centros Singulares de Investigación; un ecosistema para a transferencia do coñecemento e a difusión da cultura emprendedora arredor do novo edificio Emprendia; así como a transformación urbanística, residencial, de integración urbana e de espazo natural.