Ir o contido principal

O reitor recibe a representantes de máis de corenta universidades nunha nova edición da ‘Staff-Week’

O acto que terá lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o luns 4 de novembro, a partir das 10.00 horas, servirá para fomentar as sinerxías entre institucións
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor Antonio López presidirá o luns 4 de novembro, a partir das 10.00 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, a cuarta edición da `Staff Week´, un encontro no que participarán membros da comunidade universitaria dunha vintena de países e de máis de corenta universidades. Na xornada inaugural, xunto ao reitor, tamén tomará parte o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez.

Esta actividade, organizada polo Servizo de Relacións Exteriores no marco do Programa Erasmus + KA 107, ten como obxectivo primordial fomentar as sinerxías entre as universidades participantes e poñer en común metodoloxías de traballo que revertan nunha optimización na xestión e difusión dos programas de mobilidade nos que participan todos os membros do consorcio.

Nesta edición, ao elenco de países habituais como India, Líbano, Xeorxia ou Rusia, súmanse tamén novos membros procedentes de Cabo Verde, Mali, Senegal ou Ucraína. A axenda consta de actividades diversas como obradoiros sobre xestión, unha visita ao Campus de Lugo e aos centros singulares de investigación Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), así como un percorrido polo patrimonio histórico da universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.