O reitor recibe a responsables da empresa Nobel Biocare que colaborará coa USC nun estudo sobre colocación inmediata de implantes en pacientes
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, recibirá este venres, día 23, no seu despacho de San Xerome aos responsables de Nobel Biocare, líder mundial en solucións dentais estéticas innovadoras, que acaban de asinar un acordo coa USC para a realización dun estudo sobre colocación inmediata de implantes en pacientes.
Á recepción, que terá lugar ás 10:45 horas, asistirán, ademais do director xeral do grupo empresarial, Francisco Javier Viladés, os directores da investigación, os profesores da Facultade de Medicina e Odontoloxía José María Suárez Quintanilla, José Luis Balboa Gómez, Manuel Freire Garabal Núñez e Antonio Aguado Santos.
O convenio permitirá albergar o estudo científico e clínico que a empresa Nobel Biocare solicitou á Unidade Docente de Cirurxía Oral da USC sobre colocación inmediata de implantes en pacientes, traballo pioneiro na USC enmarcado na relación estable de colaboración que esta Unidade xa presta ao Instituto Sueco e a Nobel Biocare a través do seu Curso de Especialización en Implantoloxía.