Ir o contido principal

O reitor recibiu a unha delegación de investigadores chinos

O reitor recibiu á delegación no Salón Reitoral de San Xerome
O reitor recibiu á delegación no Salón Reitoral de San Xerome
No encontro púxose de manifesto o interese por articular vías para o intercambio de estudantes e profesores, de xeito particular na etapa de doutoramento

Unha delegación de investigadores procedentes de China visitou este mércores a Reitoría da Universidade de Santiago, onde o grupo foi recibido polo reitor da USC, Juan Casares, quen estivo acompañado do vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Francisco Durán. Asistiron ao encontro ademais, o director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Pablo Figueroa, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Xulio Ríos. O grupo que encabezaba o investigador da Academia China de Ciencias Sociais Huang Xing mostrou neste encontro o seu interese por establecer acordos para o intercambio de estudantes e profesores. Os investigadores, que destacaron o prestixio da institución compostelá, puxeron especial énfase no desenvolvemento de programas que permitan a estudantes chinos desprazarse a Santiago de Compostela para participar en programas de doutoramento. Pola súa banda, o reitor compostelán agradeceu o interese mostrado por esta delegación de investigadores aos que lle expresou a súa disposición por establecer acordos de colaboración que permitan estreitar as relacións entre ambos países. Neste senso lembrou o foro de reitores hispano-chino celebrado recentemente en Compostela, orientado á colaboración en materia de I+D e ao avance na cooperación no eido educativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2011.