O reitor recibiu un grupo de bolseiros iberoamericanos da Fundación Botín que traballan no fortalecemento da función pública
O reitor compostelán, Juan Viaño, recibiu este luns no Colexio de San Xerome un grupo de bolseiros universitarios da sétima edición do Programa para o fortalecemento da función pública en América Latina que organiza a Fundación Botín.
Os 32 rapaces e rapazas de 16 países iberoamericanos, con alto potencial e un expediente brillante, chegaron a Santiago logo de realizar dúas etapas do Camiño. Na cidade reuníronse con Viaño para intercambiar pareceres acerca da formación universitaria e da importancia do normal funcionamento da función pública para o desenvolvemento dun país, e aproveitaron para visitar diversos espazos nobres da institución, entre eles a Biblioteca América.
Unha vez finalizado o programa a finais deste mes en Rio de Janeiro, o grupo participará na Rede Bolsas Fundación Botín de servidores públicos, cuxo obxectivo é compartir información e oportunidades e desenvolver os proxectos deseñados por eles ao logo do seu período formativo. A rede pretende pór en valor o programa, e a medio prazo fortalecer as institucións da rexión prestixiando a función pública na comunidade iberoamericana.
O programa da Fundación Botín conta co apoio do Instituto de Estudos Iberoamericanos da Universidade de Brown e a Fundación Getulio Vargas.
O reitor recibiunos no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome